Grupo Empresarial Torneiro, exemplo de empresa comprometida coa contratación de persoas con discapacidade
  • Novas
  • 22 de mayo de 2019

Grupo Empresarial Torneiro, exemplo de empresa comprometida coa contratación de persoas con discapacidade


Hai preto de 2 anos que empezou a colaboración entre o Grupo Empresarial Torneiro e COGAMI, unha relación que xurdiu despois de que esta empresa lucense, que se dedica ao aluguer e venda de maquinaria, atopara a COGAMI por medio das redes sociais e, tras unha visita que realizaron á empresa técnicos do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) en Lugo (Rúa da Luz, nº4).

Dende este contacto, esta empresa aposta pola integración porque, segundo afirma o responsable RRHH, Marcos Neira, “para nós non existen persoas diferentes, senón que persoas con distintas capacidades para o desempeño do traballo”.

A experiencia dende o Grupo Empresarial Torneiro na contratación de persoas con discapacidade é tan positiva que mesmo animan a outras empresas a que tomen a iniciativa de ofrecer oportunidades laborais a todo tipo de persoas e apuntan que “a diversidade sempre é un valor enriquecedor, pois aporta diferentes puntos de vista que, sen dúbida, nos fan mellores persoas”.

Unha das persoas contratadas é Gonzalo García. Xa leva 10 meses traballando na empresa como operario de almacén, un posto que conseguiu despois de que o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI o derivara para a selección de persoal cando a empresa lanzou unha oferta. Gonzalo afirma estar contento, defende o traballo “como calquera outra persoa con ou sen discapacidade”, afirma, e anima a outras empresas a que contraten persoas con discapacidade porque “non é nada fácil atopar traballo, ten que haber máis oportunidades”.