Laura Quintas, reelixida presidenta da Federación Provincial DISCAFIS-COGAMI por catro anos
  • Novas
  • 17 de junio de 2020

Laura Quintas, reelixida presidenta da Federación Provincial DISCAFIS-COGAMI por catro anos

Tras catro anos encabezando a Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense (DISCAFIS-COGAMI), Laura Quintas Lorenzo volve contar co apoio para seguir na presidencia da representación da discapacidade física e orgánica de Ourense. As 14 entidades membro da Federación volveron apoiar a candidatura desta ourensá que conta cunha longa traxectoria no apoio e defensa de causas sociais.

Laura Quintas renova cargo durante a celebración da asemblea xeral extraordinaria realizada este mércores, 17 de xuño, de maneira telemática. “Imos centrar os nosos esforzos en paliar os enormes efectos negativos que a pandemia do  COVID-19 ocasionou sobre as persoas con discapacidade física e orgánica, para que non se produza ningún retroceso no exercicio dos seus dereitos”, expresaba Laura Quintas tras agradecer o apoio que lle brindaron as entidades membro da Federación DISCAFIS-COGAMI.

Durante estes catro anos, Quintas estará acompañada por un equipo formado pola vicepresidenta, Concepción Álvarez; a secretaria xeral, Mónica Limia; o tesoureiro, Manolo Novoa; e como vogais estarán Constantino Guzmán, Fernando José Jiménez, Lorena Quintas, María Mercedes Fernández e Lorena Rodríguez. “Conseguiremos facernos visibles perante o conxunto da sociedade a través do esforzo, compromiso e ilusión de todas as persoas que conformamos este proxecto”, comentou a presidenta trala presentación da nova xunta directiva. “Aproveito para agradecer a confianza e apoio recibida das persoas que saen do equipo, que son Mónica Alvarez e Rosa Iglesias”, finalizou.

A esta Federación que representa a preto de 2.000 persoas na provincia ourensá, quédalle traballo por facer para estes catro anos. Como principais liñas de actuación apuntan á mellora da autonomía das persoas con discapacidade física e orgánica en todo o seu ciclo vital; impulsar a participación activa das entidades e persoas con discapacidade das zonas rurais da provincia de Ourense; traballar polo emprego e a non discriminación das mulleres con discapacidade física e orgánica; garantir que a infancia con discapacidade física e orgánica dispoña de igualdade de oportunidades; especialmente no que respecta á educación inclusiva, e alcanzar unha mellor coordinación entre o ámbito social e o sanitario.