Mafer Abogados, exemplo de empresa coruñesa comprometida coa contratación de persoas con discapacidade
  • Novas
  • 09 de abril de 2019

Mafer Abogados, exemplo de empresa coruñesa comprometida coa contratación de persoas con discapacidade


Un dos obxectivos que ten para este ano o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) é informar, asesorar e sensibilizar ás empresas galegas como motor de cambio da sociedade. Cando nos ofrecen unha oportunidade laboral ás persoas con discapacidade, ofrécenos a oportunidade de amosarlles a nosa valía e, ao mesmo tempo, permítennos ter un proxecto de vida.

Unha das empresas que si está comprometida con este cambio social que reivindicamos é o bufete de avogados coruñés Mafer Abogados, empresa que contactou en setembro do ano pasado co Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI da cidade de A Coruña (Avda. de Cádiz, nº1, 1º andar, local 2), despois de que un coñecido lles falara sobre este servizo. O propietario da empresa, Manuel Fernández Veiga, afirma que a experiencia resulta ser “moi boa” e que non detecta diferencias entre persoal con discapacidade ou sen ela.

Este primeiro contacto derivou nunha contratación, a de Yolanda Álvarez, que traballa como administrativa dende o mes de setembro pasado. Yolanda afirma que se sente “afortunada porque traballa do que se preparou”, pero non foi un camiño doado.

Desde que rematou os estudos buscou pola súa conta traballo, enviou curriculums a portais especializados, a empresas pero nunca a chamaron para unha entrevista. Cando contactou co Servizo de Intermediación e Orientación Laboral de COGAMI, saíulle un primeiro traballo para facer substitucións e posteriormente, empezou a traballar en Mafer Abogados. Parabéns a Yolanda por esta oportunidade e parabéns a Mafer Abogados por priorizar nas capacidades.