Máis de 40 solicitudes recibidas para formar parte do proxecto innovador que COGAMI desenvolve no CEGADI en Santiago
  • Novas
  • 09 de septiembre de 2019

Máis de 40 solicitudes recibidas para formar parte do proxecto innovador que COGAMI desenvolve no CEGADI en Santiago


Dende que iniciou no mes de maio, son máis de 40 as solicitudes presentadas para formar parte do proxecto innovador de autonomía persoal que COGAMI está levando a cabo, promovido pola Xunta de Galicia, nas instalacións do CEGADI en Compostela. Aquí, un equipo formado por 9 profesionais investiga novas metodoloxías, técnicas e intervencións encamiñadas á mellora da autonomía de persoas que están en situación de dependencia dende unha idade temperá.

Co fin de ver en primeira persoa este programa innovador, a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou as instalacións no que se desenvolve, acompañada polo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa; ademais do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; o vicepresidente, Ramón Sestayo; e o director do CEGADI, Constantino Piñeiro.

Neste programa, que prioriza naquelas persoas que se atopan en situación de dependencia severa e que precisan axuda dunha terceira persoa e adaptacións tecnolóxicas, realizáronse 62 entrevistas de valoración, coas que se pretende dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade e ofrecerlles alternativas de atención a través da rede de recursos da súa contorna. “Cando iniciamos este proxecto, críamos que para Galicia era necesario ter un centro destas características que fora un centro de referencia na autonomía persoal”, explicaba Anxo Queiruga.

Ata o CEGADI acoden actualmente 17 persoas de maneira continuada, das que 13 son menores con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, e o resto persoas adultas con idades entre 35 e 47 anos. Todas elas reciben, dende mediados do mes de xuño, unha atención personalizada, a cada unha delas se lles trazou un itinerario de atención integral segundo as necesidades que demandan, co que xa se contemplan 642 intervencións realizadas polo equipo de profesionais, destacando: sesións de valoración, atención específica, coordinacións, entrevistas familiares, visitas a domicilio, intervencións en contornas naturais polas que deambula a persoa,... A Conselleira de Política Social expresou a importancia de que moitas das persoas usuarias están nunha etapa de desenvolvemento persoal, “unha etapa crucial para que se adquira unha maior autonomía e nos próximos anos farase unha evolución das persoas que reciben este servizo”, apuntaba.

O equipo que dirixe o proxecto innovador é interdisciplinar e está formado por 9 profesionais especialistas en disciplinas diferentes como: fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía, logopedia, traballo social, persoal investigador, expertos en accesibilidade e intermediación laboral. Este equipo avalía as necesidades das solicitudes que chegaron por diferentes vías como a web www.cogami.gal, servizos hospitalarios, o boca a boca, ou derivados por COGAMI, e deseña un itinerario personalizado dentro dun plan de actuacións máis integral cun enfoque dentro da comunidade.

Cunha duración de 4 anos, todos os datos que se recollan da evolución da persoa e os seus resultados van servir de referencia para a mellora dos servizos a incluír na futura carteira de servizos comúns de prevención de situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal.