Manifesto con motivo do 3 de maio de 2019 Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade
  • Novas
  • 02 de mayo de 2019

Manifesto con motivo do 3 de maio de 2019 Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade

O pasado 22 de febreiro, o Consello de Ministros do Goberno de España, acollendo unha proposta do CERMI Estatal, declaraba oficialmente a xornada do 3 de maio de cada ano como Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos da Persoas con Discapacidade de 2006. Esta Convención é o tratado internacional que promove, protexe e asegura os dereitos humanos das persoas con discapacidade en todo o mundo.

A data do 3 de maio foi elixida por ser o día no que a Convención entrou en vigor, no ano 2008, tras lograr o número exixido mínimo de ratificacións de Estados parte, entre eles España.

Con esta declaración do Día 3 de maio, trátase de contribuír ao coñecemento, a difusión e a toma de conciencia acerca desta Convención e os seus principios, valores e mandatos, estendendo a cultura e a práctica dos dereitos humanos na esfera das persoas con discapacidade.

Este ano 2019 é, pois, o primeiro no que se celebra este día oficial, ocasión que o movemento social organizado da discapacidade desexa aproveitar para resaltar a relevancia da Convención como a mellor e máis firme aliada das persoas con discapacidade, mulleres e homes, nenas e nenos, e como o dispositivos xurídico, político e social máis apropiado para facer efectivos os seus dereitos, inclusión e benestar.

O potencial transformador da Convención, marco referencial e prescritor ineludible de todas as políticas públicas e lexislacións que se leven a cabo en España no dominio das persoas con discapacidade, intensifícase se este tratado internacional se pon en conexión cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030 das Nacións Unidas.

Interpretar, despregar e aplicar a Convención en clave de ODS e estes en clave de Convención de 2006, redobrarán os efectos de cambio social que necesitan as persoas con discapacidade para lograr contornas, relacións e comunidades plenamente inclusivas, sostibles humana e socialmente, respectuosas e valedoras da diversidade como ben de primeira magnitude, digno de promoción e protección.

A Convención de 2006 e os ODS, mutuamente combinados, marcan, polo tanto, a axenda política da discapacidade dos próximos anos, que pasa sen dúbida de modo prioritario por atender e materializar as recomendacións que o Comité dos Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas formulou a España, trala segunda revisión do grao de cumprimento deste tratado realizada os días 18 e 19 de marzo de 2019, e feitas públicas o pasado 9 de abril (https://www.cermi.es/es/actualidad/novedades/observaciones-finales-sobre-los-informes-periódicos-segundo-y-tercero).

As recomendacións deste Comité referidas a mulleres e nenas con discapacidade, grupo maioritario dentro das persoas con discapacidade e máis exposto á violación estrutural e sistemática dos seus dereitos, son particularmente exixibles e urxentes, polo que deben constituír obxectivo preferente tanto das políticas públicas de igualdade como das de discapacidade.

O programa político e social para que a Convención de 2006 e os ODS sexan unha realidade práctica nun período razoable é inxente e o movemento cívico de dereitos humanos das persoas con discapacidade e as súas familias estará vixilante para que os poderes públicos, os axentes sociais, os operadores económicos, os medios de comunicación e toda a sociedade encamiñen a súa actuación con estes postulados.

3 de maio de 2019.