Manifesto polo Día Mundial da Esclerose Múltiple
  • Novas
  • 30 de mayo de 2018

Manifesto polo Día Mundial da Esclerose Múltiple

No Día Mundial da Esclerose Múltiple, queremos facer un chamamento ao compromiso e a solidariedade coas persoas que teñen Esclerose Múltiple e as súas familias, con este Decálogo de Reivindicacións:

1. Maior apoio gobernamental á investigación da Esclerose Múltiple. A investigación en novos tratamentos é unha esperanza para poder atopar a curación definitiva desta enfermidade.

2. Recoñecemento automático do 33% do grao de discapacidade co diagnóstico, o que permitiría o acceso a prestacións e recursos que mellorarían significativamente a calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple.

3. Acceso a un tratamento  rehabilitador integral, personalizado, gratuíto e continuado, en todas as comunidades autónomas, reforzando o papel que as asociacións de pacientes desenvolven neste campo.

4. Equidade no acceso ao tratamento farmacolóxico que precise cada persoa, en todas as comunidades autónomas e en todos os centros hospitalarios, dadas as claras desigualdades que se producen na actualidade.

5. Maior compromiso dos empresarios nas adaptacións dos postos de traballo e o cumprimento do 2% que esixe a lexislación na contratación de persoas con discapacidade

6. Continuidade na colaboración da industria farmacéutica no apoio ás asociacións e na investigación de tratamentos cada vez máis eficaces, sen perder a seguridade imprescindible.

7. Diminución dos recortes sociais e os atrasos nas subvencións e axudas por parte das Administracións públicas e entidades privadas, de modo que non afecten o mantemento do tecido asociativo.

8. Máis apoio das Administracións públicas cara ás familias, que son os principais coidadores das persoas con Esclerose Múltiple.

9. Posta en marcha por parte dos Gobernos central e autonómicos de campañas para informar á sociedade sobre esta enfermidade, apoiadas por materiais informativos e educación sobre a Esclerose Múltiple.

10. Maior sensibilización e solidariedade da sociedade coas persoas afectadas de Esclerose Múltiple e os seus familiares.