Mulleres con discapacidade do rural asisten a un servizo de atención especializada que lles ofrece ACADAR
  • Novas
  • 18 de julio de 2019

Mulleres con discapacidade do rural asisten a un servizo de atención especializada que lles ofrece ACADAR

Un total de 45 mulleres con discapacidade de concellos do rural galegos asisten a un servizo de atención personalizada e especializada que lles ofrece a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR). Baixo o nome Enrédate, este programa iniciou no mes de xaneiro e estará desenvolvéndose ata o mes de setembro nos concellos de Camariñas, Fisterra, Vila de Cruces, Porto do Son e A Cañiza.

Cofinanciado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, o programa Enrédate ten por obxectivo promover a igualdade das mulleres con discapacidade, especialmente, daquelas que viven en zonas pouco poboadas onde as características por parte da comunidade condicionan o seu desenvolvemento persoal e social.

Este programa que desenvolve ACADAR presta un servizo de atención personalizada e especializada e promove tamén actividades grupais co obxectivo de reunir ás mulleres con discapacidade da zona, para facilitar a creación ou potenciación de redes de apoios e participación. O programa rematou en Fisterra e Camariñas cun grande éxito de participación e arestora continúa desenvolvéndose nos concellos de Porto do Son, Vila de Cruces e A Cañiza, desenvolvéndose unha vez á semana durante os meses de xullo, agosto e setembro.

O programa Enrédate iniciou a desenvolverse en 2014, obtendo ata o de agora uns resultados moi positivos. Xa foron atendidas 150 mulleres con discapacidade, todas elas procedentes de zonas pouco poboadas de Galicia.

Durante o 2019, a asociación tamén está a desenvolver os programas Aloumiño, a plena vivencia da nosa sexualidade e Vio7 baixo o apoio nomeado e a través da subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF.