Mulleres con discapacidade participan en programas de prevención da violencia de xénero cos fondos que chegan da X Solidaria
  • Novas
  • 10 de mayo de 2019

Mulleres con discapacidade participan en programas de prevención da violencia de xénero cos fondos que chegan da X Solidaria


A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) pon en marcha tres programas de promoción da igualdade entre homes e mulleres, prevención da violencia de xénero e de prevención da exclusión social cos fondos destinados a través o 0,7% do IRPF, fondos que chegan tras marcar a casiña da X Solidaria.

Un destes programas, que se desenvolve a través da  Secretaría Xeral da Igualdade, denomínase ‘Aloumiño’. Está dirixido a mulleres con discapacidade de concellos en zonas pouco poboadas de Galicia e ten como obxectivo identificar os aspectos biolóxicos, psicolóxicos e sociais que forman parte da sexualidade humana, para fomentar un coñecemento, aceptación e experiencia plena e satisfactoria da propia sexualidade.

Outro dos programas que desenvolve ACADAR é ‘Vio 7: Ver para erradicar’, a través do que promove as relacións igualitarias fomentando a detección e prevención das distintas formas de violencia contra as mulleres con discapacidade. Está dirixido ao alumnado da E.S.O. e Bacharelato de concellos en zonas pouco poboadas das provincias de Ourense e Pontevedra.

Outro programa que se realiza cos fondos do IRPF é ‘Empleabilízate’, destinado a mulleres con discapacidade de Ferrol e concellos limítrofes, pretende potenciar as capacidades e recursos para o desenvolvemento integral das mulleres, favorecendo o seu empoderamento e previndo posibles situacións de exclusión social.

A Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia, ACADAR, naceu en 2009 e dende entón promove, coordina e reivindica a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade para a súa plena integración e participación en tódolos ámbitos a través de programas dirixidos a toda a sociedade. Algo tan sinxelo como marcar a X Solidaria na casa 106 de “Actividades de Interese Social” na declaración da renda, permite que se leven a cabo programas dirixidos a persoas en risco de exclusión social, co fin de acadar unha igualdade plena, real e xusta.