O centro de recursos de Mos recibiu a visita do deputado Uxío Benítez para supervisar as obras de mellora da accesibilidade na contorna
  • Novas
  • 08 de octubre de 2018

O centro de recursos de Mos recibiu a visita do deputado Uxío Benítez para supervisar as obras de mellora da accesibilidade na contorna

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e mailo director do centro de recursos de Mos, Celso Álvarez, recibiron ao deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, da Deputación de Pontevedra, quen asistiu acompañado da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, para supervisar as obras de mellora da accesibilidade na contorna do centro do Rebullón.


O responsable provincial salientou a súa satisfacción pola finalización dos traballos e polo feito de que as persoas usuarias do centro de recursos poidan moverse con seguridade polas inmediacións da vía provincial, xa que agora dispoñen dun novo itinerario accesible que conecta cunha parada de autobús, o Centro de Saúde de Mos, o Centro Cultural As Pedriñas, e as áreas de lecer e zonas verdes que hai nas inmediacións.


Segundo explicou Benítez, o proxecto de mellora da contorna da sede de COGAMI foi solicitado por COGAMI e aceptado de inmediato por parte da Deputación, xa que encaixaba coa filosofía que o departamento de Mobilidade está a desenvolver, con actuacións nas que o principal é atender as necesidades das persoas vulnerables nas estradas: nenos e nenas, persoas con mobilidade reducida, persoas maiores ou ciclistas.

Pola súa banda, Anxo Queiruga, destacou que é preciso traballar dende as institucións para que se normalice a situación das persoas con discapacidade, o 10% da poboación en Galicia. Para Anxo, estas obras de mellora eran necesarias porque “queriamos que vir ao noso centro non fora un risco para as persoas que veñen ás actividades”.