O Concello de Ferrol e COGAMI asinan convenio para colaborar na inclusión laboral das persoas con discapacidade
  • Novas
  • 19 de noviembre de 2019

O Concello de Ferrol e COGAMI asinan convenio para colaborar na inclusión laboral das persoas con discapacidade


COGAMI e o Concello de Ferrol asinaron un convenio de colaboración a favor da inserción laboral das persoas con discapacidade da comarca.

Con esta sinatura, o Concello contribuirá cunha aportación de 9.000 euros ao financiamento do Servizo de Orientación Prospección de Emprego (SIL) de COGAMI que no que vai de ano xestionou 138 ofertas de emprego e contribuíu a que 217 persoas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal atoparan un emprego durante este ano 2019.

O SIL é un centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia. Conta cun equipo humano formado por 40 orientadoras/orientadores laborais e axentes de emprego localizados nas sete cidades galegas e que se desprazan para atender as necesidades das zonas rurais.

En Ferrol, o SIL conta con 3 orientadoras laborais e unha técnica de inserción que prestan servizo ás 936 persoas que están apuntadas na base de datos como demandantes de emprego e/ou formación, das que 503 son homes e 433 mulleres.

As/os profesionais do SIL realizan entrevistas de orientación laboral, visitan empresas para a captación de ofertas de emprego e sensibilización sobre a discapacidade, desenvolven accións grupais de busca de emprego e de motivación, entre outras accións, coa finalidade de que as persoas con discapacidade que buscan un emprego atopen unha oportunidade no mercado laboral.