O concello de Lalín cede un local a COGAMI para prestar servizo de orientación laboral ás persoas con discapacidade do municipio
  • Novas
  • 19 de febrero de 2020

O concello de Lalín cede un local a COGAMI para prestar servizo de orientación laboral ás persoas con discapacidade do municipio


O Concello de Lalín vén de subscribir un convenio con COGAMI, aprobado pola Xunta de Goberno Local en data de 3 de febreiro de 2020, polo que se lle ceden a COGAMI as instalacións municipais de xeito gratuíto e por catro anos para localizar un punto de información, asesoramento e espazo formativo desde o que desenvolver as actividades vinculadas ao Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) dirixidas a persoas con discapacidade. O acordo foi asinado esta mañá polo alcalde, José Crespo, e polo vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, en presenza da tenente de alcalde, Paz Pérez Asorey, y de la orientadora laboral de la zona, Mónica Luaña.

Este punto de información que estará emprazado na segunda planta, en Servizos Sociais, xa se estaba prestando desde outubro durante o primeiro e terceiro luns de cada mes, en horario de mañá.

Poderán ser atendidas por COGAMI aquelas persoas que teñan recoñecido como mínimo un 33% de discapacidade ou incapacidade laboral. Para pedir cita o propio usuario poderá achegarse ata o punto de atención de COGAMI no Concello de Lalín onde se lle dará vez ou se atenderá en función da dispoñibilidade dese momento, se ben o máis operativo é pedir cita previa no Servizo de Intermediación de COGAMI, no 986 863 709, ou solicitar cita previa por correo electrónico a silpontevedra@cogami.gal.

Tamén no marco deste convenio está previsto desenvolver do 21 de abril ao 26 de maio, un curso de formación sobre Informática Básica que se impartirá na Aula Cemit de Lalín os luns e os martes de 9 a 14 horas. Terá 100 horas de duración e será requisito imprescindible estar en posesión do certificado de discapacidade. As persoas interesadas deben chamar ao antedito teléfono ou enviar correo ao enderezo electrónico citado. No 2019 levouse adiante un curso de expendedor de combustible no que se formaron 12 persoas das que 9 foron de Lalín.

Resultados do servizo de Orientación e Intermediación Laboral en Lalín

A oficina que COGAMI ten en Pontevedra  presta servizo ás comarcas de Pontevedra, O Salnés, O Morrazo, Caldas, Deza e Tabeirós. En total conta cun total de 2.903 persoas inscritas na base de datos que manexa, das que 138 son do concello de Lalín, representando o 4,8% do total.

Actualmente son 239 persoas da comarca do Deza as que están inscritas no SIL como demandantes de emprego, sendo 134 homes e 105 mulleres. Destas, 138 persoas, 74 homes e 64 mulleres, están empadroadas no concello de Lalín.

Durante 2019 foron 24 as persoas derivadas dende Servizos Sociais do concello e a oficina de emprego de Lalín para realizar unha primeira entrevista co servizo de emprego de COGAMI. Tras esta derivación, a orientadora laboral da zona, Mónica Luaña, cítaas telefonicamente e desprázase ata edificio do concello para atender, mediante citas individualizadas, e orientar de cara ao emprego ou formación.

Foron un total de 55 orientacións as realizadas durante 2019 na comarca do Deza, sendo de Lalín 34 persoas. Nestes dous meses de 2020, 16 persoas da comarca xa foron orientadas, destas 8 son de Lalín.

Tamén se realizan empresas da zona para sensibilizar, informar e para tamén captar posibles ofertas de emprego. En 2019 visitáronse 9 empresas novas, sendo 4 destas do concello de Lalín.

Algunhas destas visitas realizadas a empresas derivaron en ofertas laborais aos que o SIL de COGAMI derivou 29 candidaturas que se axustaban aos perfís demandados polas empresas. Finalmente, en 2019 producíronse 53 insercións na comarca, 27 no concello de Lalín, das que 19 foron mulleres e 8 homes.