O concello de Lugo, Urbaser e o programa Incorpora de “la Caixa” únense para a inserción laboral
  • Novas
  • 03 de mayo de 2019

O concello de Lugo, Urbaser e o programa Incorpora de “la Caixa” únense para a inserción laboral

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo (Praza Ángel Fernández Gómez s/n) acollue o acto de presentación do curso de Operaria/ou de limpeza que se imparte nas instalacións de COGAMI, entidade colaboradora do programa Incorpora de “la Caixa” en Galicia.

Ao acto de presentación asistiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o director de Banca de Institucións de CaixaBank en Galicia, Vicente Centelles; o coordinador do programa Incorpora, Carlos Rosón; o responsable de URBASER en Lugo, Miguel Ángel García; o presidente da Federación COGAMI-Lugo, José Luis Lolo, e o coordinador de formación de COGAMI, Paco Abuín.

Esta formación, que ten por finalidade dotar de competencias necesarias para traballar, inicia cun total de 20 persoas apuntadas que asistirán durante as 300 horas que durará o curso a clases que se repartirán en 100 horas de capacitación técnica, 120 horas de prácticas e 80 horas de competencias transversais. O curso finalizará o 4 de xullo, polo que o alumnado poderá ata entón, mellorar as súas competencias profesionais e tamén persoais, como o traballo en equipo e a mellora da autoestima.

Para poder formar parte deste curso é necesario cumprir requisitos como estar en risco de exclusión social, é dicir, persoas con discapacidade, persoas privadas de liberdade, en liberdade condicional, persoas ex privadas de liberdade, persoas privadas de liberdade en 3º grao, inmigrantes, mocidade, mocidade tutelada, mocidade extutelada, maiores de 45 anos, mulleres vítimas de violencia de xénero, ex toxicómanos, persoas sen fogar e persoas entre 30 e 45 anos en situación de vulnerabilidade.

O punto formativo Incorpora situado en Lugo (centro de recursos de Fingoi na rúa da Luz  nº4), colabora con empresas da cidade co fin de que o alumnado que termina os cursos poida ter a oportunidade de realizar prácticas e así, ter un primeiro contacto coa realidade do sector. Nesta ocasión, será a empresa URBASER a que abrirá as súas portas e compartirá a experiencia coas persoas asistentes a esta formación.

A través destas formacións, o que se pretende é facilitar a inserción laboral a aquelas persoas que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral, ás que se lles facilita formación específica e práctica. Tamén se resalta que son as empresas as que se benefician destas iniciativas sociais porque van poder contar con persoal cualificado, van mellorar as súas políticas de responsabilidade social e, sobre todo, apoiarán a diversidade das persoas.

PROGRAMA INCORPORA

O programa Incorpora de “la Caixa” abriu en 2015 un punto de formación nas instalacións que ten COGAMI en Lugo (Rúa da Luz,  nº4), co fin de mellorar a integración sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social, xerando oportunidades de ocupación na empresa ordinaria con apoio e seguimento por parte do persoal técnico do programa.

Desde que se desenvolve este programa en Galicia, xa foron impartidos 10 cursos nos que participaron un total de 200 persoas. De todas estas persoas que se formaron, un total de 78, o 39%, lograron inserirse laboralmente.

Os cursos impartidos ata agora foron de: xardinería, operacións auxiliares de oficina e procesamento de datos, auxiliar de caixa, dependente para superficies alimentarias, limpador de cristais e inmobles, xestión de stock e control de caixa e auxiliar de atención ao público.