O concello de Xinzo de Limia cede un local a COGAMI para prestar servizo de orientación laboral no municipio
  • Novas
  • 11 de septiembre de 2020

O concello de Xinzo de Limia cede un local a COGAMI para prestar servizo de orientación laboral no municipio


A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, subscriben un convenio de colaboración polo que o concello lle cede á Confederación unhas instalacións municipais de xeito gratuíto durante os próximos catro anos, co fin de ter un punto de atención do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral dirixido a persoas con discapacidade.

En palabras da Alcaldesa, “este convenio damos forma administrativa a un uso que se viña facendo e que é habilitar un lugar no que un orientador laboral de COGAMI preste apoio, asesoramento e información a persoas con discapacidade da comarca de Xinzo de Limia”.

Este punto de atención estará emprazado na aula Carlos Casares da Casa da Cultura, e ata alí desprazarase o orientador laboral da zona, Carlos Montero, todos os xoves do mes en horario de 9 a 14 horas para atender ás persoas usuarias do servizo de emprego.

“Poñemos o noso traballo a disposición do concello para traballar conxuntamente en proxectos e ideas que vaian xurdindo para dar unha visión transversal da discapacidade”, indica Anxo Queiruga,

Dende o ano 1999, COGAMI despraza ata o concello de Xinzo de Limia un orientador laboral para atender a aquelas persoas que teñan recoñecido como mínimo un 33% de discapacidade ou incapacidade laboral. Para pedir cita, a propia persoa usuaria debe de solicitala con anterioridade chamando ao teléfono 988 246 057 ou enviando un correo a silourense@cogami.gal.