O programa Incorpora de “la Caixa”  no que está COGAMI facilita 861 empregos a persoas en risco de exclusión
  • Novas
  • 08 de febrero de 2019

O programa Incorpora de “la Caixa” no que está COGAMI facilita 861 empregos a persoas en risco de exclusión

COGAMI é unha das oito entidades sociais que forman parte do programa de integración laboral Incorpora que financia “la Caixa” co fin de lograr a integración laboral de colectivos en situación de vulnerabilidade, como as persoas con discapacidade, xente nova en exclusión, vítimas de violencia de xénero, persoas paradas de longa duración e exreclusos.

Este programa alcanzou as 861 insercións en 2018, un 28% máis que o ano anterior, das que un total de 248 foron en persoas con discapacidade e destas, foron 107 as persoas con discapacidade inseridas a través de COGAMI.

”la Caixa” vén de renovar o acordo de colaboración para o programa Incorpora coas 8 entidades galegas que se dedican á integración laboral de persoas con especiais dificultades para atopar traballo. Estas entidades son, ademais de COGAMI, Juansoñador, FEAFES, Igaxes, Érguete, Cruz Roja Lugo, APES e Cruz Roja Ourense.

Incorpora ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social, tendo como principal obxectivo tender pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral co fin de crear un clima de entendemento e colaboración entre ambas para redundar en oportunidades para quen máis o precisen.

Dende COGAMI visitáronse 235 empresas de toda Galicia, das que 162 foron visitadas por primeira vez e co resto retomouse o contacto. Destas visitas, xestionáronse 167 ofertas de emprego que resultaron en 107 persoas inseridas.