O programa Máis Emprego que desenvolve COGAMI logra a inserción laboral da metade de participantes
  • Novas
  • 09 de enero de 2019

O programa Máis Emprego que desenvolve COGAMI logra a inserción laboral da metade de participantes

COGAMI fai balance de como se desenvolveu durante 2018 `Máis Emprego´, un programa realizado na provincia de Pontevedra e dirixido a persoas con discapacidade e/ou con incapacidade laboral, que ten por finalidade mellorar a súa inserción sociolaboral. Para formar parte deste programa, todas as persoas usuarias, ademais de posuír o certificado de discapacidade, corren risco de estar en situación de exclusión social.

Durante este ano 2018, Máis Emprego atendeu a un total de 159 persoas con discapacidade (81 homes e 78 mulleres), todas elas procedentes das comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo. De todas estas persoas atendidas a través do programa, foron 72 as que lograron un contrato laboral en empresas da zona, das que 38 son mulleres e 34 son homes.

Cofinanciado pola Fundación Bancaria “la Caixa” e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social (POISES) 2014-2020, a través deste programa trazáronse itinerarios personalizados de cara á inserción laboral, sendo dous orientadores laborais, Lucas Clavero e Mercedes Mallo, os profesionais encargados de tutorizar ás persoas integrantes de Máis Emprego, ambos con ampla experiencia no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI.

Como se desenvolve Máis Emprego

As actuacións levadas a cabo iniciaron cunha entrevista individual que serve para coñecer os intereses das persoas. A partir de aí, deséñase un perfil laboral que contemplará tanto os intereses como tamén as necesidades de cada unha delas. Recollidos estes datos, a persoa será orientada cara ao emprego, cara á formación cualificada, coa finalidade de poder inserirse laboralmente, ou derivarase a outro tipo de actividades ocupacionais.

Durante este ano foron 78 as persoas que se formaron con Máis Emprego (43 homes e 35 mulleres), tendo a oportunidade de participar nun dos 7 cursos que se impartiron, sendo un de caixeiro, repoñedor e atención ao cliente impartido en Pontevedra; 2 cursos realizáronse para a obtención do carné de manipulación de alimentos en Pontevedra e Vilanova; impartíronse tamén 3 cursos de limpeza de superficie e mobiliario en edificios e locais en Pontevedra, Vilanova e Vigo e un curso, tamén impartido en Vigo, foi para obter o carné de operador de carreta elevadora.

Aparte dos itinerarios individualizados, a formación para a mellora da empregabilidade, a orientación laboral na busca activa de emprego e o apoio e seguimento, Máis Emprego contempla tamén a realización de visitas a empresas, tendo por finalidade captar ofertas de emprego e tamén, analizar as necesidades de especialización de persoal que teñen, que postos son os que contan con máis demanda. Coñecendo este dato, as temáticas dos cursos formativos impartidos adaptáronse ás necesidades das empresas.