O proxecto innovador que COGAMI desenvolve no CEGADI segue operativo para as 23 persoas usuarias
  • Novas
  • 07 de mayo de 2020

O proxecto innovador que COGAMI desenvolve no CEGADI segue operativo para as 23 persoas usuarias

Dende o pasado 16 de marzo, cando o Goberno decretou o estado de alarma, non acoden ás instalacións do CEGADI as persoas que forman parte do Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal que está a levar a cabo en Santiago COGAMI dende maio de 2019, pero continuamos a disposición das persoas con discapacidade.

A inexistencia de desprazamentos ata o lugar non implica o cese da actividade que  desenvolve o equipo formado por 11 profesionais especializado en fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, neuropsicoloxía, psicoloxía, traballo social, persoal coidador e técnico de accesibilidade. Co obxecto de establecer unhas rutinas de traballo que lles permitan ás 23 persoas usuarias que forman parte deste proxecto manter a autonomía persoal adquirida ata o momento, o equipo de profesionais mantén o contacto con elas unha media de 2 ou 3 veces por semana.

Este seguimento é personalizado a través do contacto das plataformas Skype ou Whatsapp, mediante as cales se envían vídeos de actividades que se deben realizar para facilitarlles as tarefas. Tamén a través destas plataformas de comunicación, as persoas usuarias reenvían vídeos sobre os exercicios realizados para poder asesorar sobre o seu desenvolvemento.

Como hai diversidade de idades que abarcan dende os 5 ata os 60 anos, o equipo profesional dividiu en grupos ás persoas usuarias, comprendendo un deles as idades de entre 5 e 9 anos,  o  seguinte de entre 12 a 17 anos, estando o terceiro grupo formado por persoas usuarias de idades comprendidas entre os 35 e 60 anos.

Tanto os menores como os adolescentes compaxinan as actividades escolares cos exercicios que lles trasladan as profesionais do proxecto innovador. Se ben os menores precisan a colaboración incondicional das familias, entre os que xa son adolescentes, realizan vídeo quedadas para manter a cohesión de grupo que iniciaron no centro e para continuar coa posta en marcha dun blog sobre o confinamento que están a vivir.

O grupo formado polas 11 persoas adultas que contan con diferentes diagnósticos como son: lesión medular, parálise cerebral, entre outros, reciben as táboas de exercicios que deben realizar así como as sesións individualizadas coas profesionais que viñan recibindo no proxecto, agora a través da plataforma Skype, principalmente.

O contacto coas familias é tamén frecuente, sobre todo no referinte á atención social e psicolóxica, derivada pola situación de confinamento e tamén para informar e asesorar sobre recursos aos que poidan ter acceso.

Dende o Proxecto Innovador, a maior dificultade que están soportando arestora é a brecha tecnolóxica que se dá no ámbito rural. Moitas das persoas usuarias viven en zonas cunha conexión a Internet inadecuada, o que dificulta o mantemento dunha actividade continuada, e tamén as hai que carecen dos medios tecnolóxicos adecuados, imposibilitando o contacto por videoconferencia.

Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal

Co fin de impulsar boas prácticas na atención das persoas con discapacidade física, a Xunta de Galicia en colaboración con COGAMI, promoven o desenvolvemento deste proxecto que ten como obxectivo mellorar e posibilitar a inclusión das persoas con discapacidade física e/ou orgánica que precisen de apoios para unha recuperación funcional, así como para a promoción da súa autonomía persoal. Este proxecto abrangue todas as etapas vitais da persoa, menores dende idades temperás, adolescencia e etapa adulta, con discapacidade física e/ou orgánica, priorizando aquelas que se atopen en situación de dependencia severa, que precisen axuda de terceira persoa, así como as adaptacións tecnolóxicas de apoio para o desenvolvemento normalizado das actividades na súa vida diaria.

Durante os 4 anos de duración do proxecto desenvolverase unha investigación a través do deseño e posta en marcha de metodoloxías, técnicas, protocolos e terapias que terán como elemento innovador a atención integral da persoa contando non só co modelo rehabilitador senón promovendo unha atención centrada na persoa, garantindo o acceso en igualdade o que se traduce nunha maior autonomía da persoa e o seu empoderamento. Todos os datos recabados da evolución da persoa así como os resultados, unha vez validados, poderán servir de referencia para a implementación ou mellora dos servizos a incluír na futura carteira de servizos comúns de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal para o colectivo de persoas con discapacidade.