O Punto Formativo Incorpora xestionado por COGAMI inicia un curso sobre limpeza viaria
  • Novas
  • 12 de abril de 2019

O Punto Formativo Incorpora xestionado por COGAMI inicia un curso sobre limpeza viaria


COGAMI, entidade colaboradora do programa Incorpora Galicia que financia Obra Social "la Caixa,  inicia curso de Operaria/o de Limpeza Viaria, co fin de dotar ao alumnado das competencias necesarias para traballar neste sector.

Esta formación, que inicia cun total de 20 persoas apuntadas, contará con 300 horas de duración repartidas en 100 horas de capacitación técnica, 120 horas de prácticas e 80 horas de competencias transversais. O curso rematará o 4 de xullo, polo que o alumnado poderá ata entón, mellorar as súas competencias profesionais e tamén persoais, como o traballo en equipo e a mellora da autoestima.

Para poder formar parte deste curso é necesario cumprir requisitos como estar en risco de exclusión social, é dicir, persoas con discapacidade, persoas privadas de liberdade, en liberdade condicional, persoas ex privadas de liberdade, persoas privadas de liberdade en 3º grao, inmigrantes, mocidade, mocidade tutelada, mocidade extutelada, maiores de 45 anos, mulleres vítimas de violencia de xénero, ex toxicómanos, persoas sen fogar e persoas entre 30 e 45 anos en situación de vulnerabilidade.

O punto formativo Incorpora que ten COGAMI en Lugo (CRD Fingoi na rúa da Luz nº4) no centro de recursos de Fingoi, colabora con empresas da cidade co fin de que o alumnado que remata os cursos poida ter a oportunidade de realizar prácticas e así, ter un primeiro contacto coa realidade do sector. Nesta ocasión, será a empresa URBASER a que abrirá as súas portas e compartirá a experiencia coas persoas asistentes a esta formación.

A través destas formacións, o que se pretende dende COGAMI é facilitar a inserción laboral a aquelas persoas que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral, ás que se lles facilita formación específica e práctica.

Tamén se resalta que son as empresas as que se benefician destas iniciativas sociais porque van poder contar con persoal cualificado, van mellorar as súas políticas de responsabilidade social e, sobre todo, apoiarán a diversidade das persoas.

PROGRAMA INCORPORA

COGAMI forma parte do programa Incorpora dende o ano 2015, data na que abriu un punto de formación nas instalacións que ten en Lugo (Rúa da Luz, nº4), co fin de mellorar a integración sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social, xerando oportunidades de ocupación na empresa ordinaria con apoio e seguimento por parte do persoal técnico do programa.

Dende que se desenvolve este programa en Galicia, xa foron impartidos 10 cursos nos que participaron un total de 200 persoas. De todas estas persoas que se formaron, un total de 78, o 39%, lograron inserirse laboralmente.

Os cursos impartidos ata o de agora foron de: xardinería, operacións auxiliares de oficina e procesamento de datos, auxiliar de caixa, dependente para superficies alimentarias, limpador de cristais e inmobles, xestión de stock e control de caixa e auxiliar de atención ao público.