O recadro Fins Sociais da declaración da renda beneficia a  4.900 persoas usuarias de COGAMI e o seu movemento asociativo
  • Novas
  • 03 de abril de 2020

O recadro Fins Sociais da declaración da renda beneficia a 4.900 persoas usuarias de COGAMI e o seu movemento asociativo

COGAMI recibiu 370.942 euros a través do programa IRPF, un orzamento que se destina a programas de atención á dependencia e autonomía persoal, a atención temperá, programas culturais e deportivos dirixidos a persoas con discapacidade, utilización de tecnoloxías e programas que promoven servizos transitorios de aloxamento de familias desprazadas por motivos médicos.

Un total de 22 entidades do movemento asociativo de COGAMI, localizadas nas catro provincias, van poder desenvolver durante este ano proxectos que serven para favorecer a inclusión social das súas persoas asociadas, das que se beneficiarán 4.900 persoas.

COGAMI poderá desenvolver actividades de lecer e deportivas; MISELA continuará co programa de atención temperá e atención a menores de 0 a 16 anos; AGL seguirá co servizo de fisioterapia especializado en linfedema; A Mariña COGAMI, GRUMICO, ADAPTA, AMIZADE e a Federación COGAMI Pontevedra continuarán co programa de desenvolvemento integral para persoas con discapacidade; ACCU manterá o servizo de atención a persoas con enfermidades inflamatorias; ASEARPO poderá atender a persoas con artrite; ASEM Galicia levará a cabo o programa de vida autónoma; AGFQ desenvolverá o programa de aerosolterapia e fisioterapia para persoas con fibrose quística; ACEM Santiago e Coruña realizarán intervención psicolóxica e atención social a persoas con esclerose; AODEM realizará fisioterapia a persoas con enfermidade neurodexenerativa; ALCER Coruña, Ourense e Pontevedra prestarán servizo a persoas con enfermidade renal; ACADAR realizará o programa Empleabilízate dirixido a mulleres con discapacidade; Federación DISCAFIS COGAMI prestará atención multidisciplinar; AGADHEMO continuará co programa Capacithemos dirixido a persoas con hemofilia; VONTADE traballará no programa de autonomía; LIREGA seguirá co programa de apoio a persoas con reuma; Grupo Ferrol traballará na potenciación de habilidades físicas; AVEMPO realizará atención sociosanitaria a través de terapia ocupacional e ASOTRAME poderá ter aberta a vivenda de estadía temporal para pacientes oncolóxicos e familiares.

En canto ás solicitudes presentadas para investimento de centros, COGAMI poderá levar a cabo obras de mellora no centro de Lugo; AMBAR creará un xardín sensorial; ADISBISMUR cambiará a cuberta do centro de recursos de Valadares; ÍNTEGRO realizará obras na fachada e no interior do centro de Nantón e tamén disporá dun vehículo adaptado ao igual que COGAMI en Lugo.