O servizo de emprego de COGAMI contará cun espazo no Centro Municipal de Formación de Tui
  • Novas
  • 16 de septiembre de 2020

O servizo de emprego de COGAMI contará cun espazo no Centro Municipal de Formación de Tui


A partir de agora, as persoas usuarias do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) do concello de Tui, van ser atendidas no Centro Municipal de Formación do concello de Tui, situado en Guillarei. Así o recolle un convenio de colaboración
asinado entre o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e que presenciaron a concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, o presidente de VONTADE, Miguel Pazo, o membro da xunta directiva de COGAMI, Celso Álvarez, e a orientadora de zona, Raquel Cordeiro.

O Alcalde aproveitou esta sinatura para agradecer o labor de COGAMI na zona e expresou que “suplides un labor que debería ser prestado polo conxunto das administracións públicas” e engadiu que “nós estaremos sempre abertos ás asociación que o precisen para establecer calquera tipo de colaboración necesaria e polo tanto asumir tamén o grao de responsabilidade que nos compete coma administración”.

Actualmente, a base de datos do SIL ten inscritas a 150 persoas de Tui, das que 53 son mulleres e 97 homes.  Segundo apunta Anxo Queiruga “é preciso facer un reforzo das políticas de emprego para persoas con discapacidade, por iso é importante calquera tipo de colaboración que axude ás persoas a crer nas súas capacidades”.

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, explicou os obxectivos deste convenio que son a colaboración de ambas entidades na atención e promoción das persoas con discapacidade, na busca da mellora da empregabilidade e de ofrecer unha atención e asesoramento especializado que favoreza a inserción laboral. 

Todas as persoas que teñan o certificado de discapacidade ou incapacidade laboral poden pasar polas novas instalacións en Tui sendo necesario ter cita previa chamando ao teléfono 986 28 18 93 ou enviando un correo silvigo@cogami.gal.