O SIL de COGAMI mantén o ritmo de insercións de persoas con discapacidade con respecto ao ano pasado
  • Novas
  • 03 de marzo de 2020

O SIL de COGAMI mantén o ritmo de insercións de persoas con discapacidade con respecto ao ano pasado


COGAMI conta dende o ano 1996 cun servizo de Intermediación e Orientación Laboral (SIL) especializado no emprego de persoas con discapacidade que está presente en todas as cidades galegas a través dun equipo formado por 40 profesionais especializados en orientación laboral e axentes de emprego, que se desprazan ata os concellos do rural para tamén atender as necesidades destas zonas.

Actualmente, este servizo conta cunha base de datos que contempla 19.720 persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego, das que o 59% son homes (11.607) e o 41% son mulleres (8.113). Nos meses de xaneiro e febreiro incorporáronse por vez primeira a esta bolsa de emprego 263 persoas, sendo mulleres 129. Segregando por idades, o 14% das persoas inscritas teñen entre os 18 e os 35 anos; o 67% están entre os 36 e 55 anos e o 19% teñen entre 56 e 65 anos de idade.

Nestes dous primeiros meses do ano, o SIL de COGAMI aprecia unha tendencia de inserción laboral similar á do ano anterior. Durante os meses de xaneiro e febreiro foron 356 as persoas que lograron atopar un emprego a través deste servizo, sendo destas 153 mulleres, o 43% do total, e 203 homes. Se comparamos estes dous meses deste ano co anterior, durante 2020 rexistráronse 6 insercións máis que o ano pasado por estas datas, das que o 32% destas insercións foron realizadas en centros especiais de emprego e o 68% das insercións recaeron na empresa ordinaria.

Estas insercións levadas a cabo en xaneiro e febreiro, segundo a oficina aberta nas sete cidades galegas, rexistráronse deste xeito: A Coruña (12%), Ferrol (11%), Santiago (17%) Lugo (16%), Ourense (11), Pontevedra (13%) e Vigo (20%).

Dentro da clasificación segundo sectores laborais, os que máis man de obra demandan ao noso servizo de emprego son os sectores de limpeza, que logrou o 32% das insercións durante o ano pasado, recaendo a maioría delas en mulleres, seguido polo sectores de asistencia e axuda a domicilio, auxiliar de enfermería xeriátrica, conserxe, coidado de persoas con discapacidade, dependente de comercio, empregado administrativo e tamén expendedor de combustible.

O SIL proporciónalle ás persoas con discapacidade as ferramentas necesarias para a busca activa de emprego e tamén se dirixe ás empresas. A elas, ademais de información, asesoramento e apoio durante a incorporación laboral, tamén lles facilita persoas traballadoras cualificadas para o posto que demandan cubrir.

Durante o ano 2019, COGAMI realizou 5.566 orientacións laborais, un total de 1.467 persoas inscribíronse por primeira vez no servizo como demandantes de emprego, e 2.184 persoas atoparon un emprego nunha das 469 empresas