O veleiro Laion de COGAMI remata a volta a Galicia cun grande éxito de participación
  • Novas
  • 27 de julio de 2017

O veleiro Laion de COGAMI remata a volta a Galicia cun grande éxito de participación

Un ano máis, e con este xa van quince, o veleiro Laion de COGAMI levantaba áncora, izaba velas e saía a navegar pola costa galega proporcionando unha nova experiencia de lecer e deporte a persoas que ao mellor non tiñan a oportunidade de achegarse á navegación, por carecer dun entorno accesible ás súas necesidades, como é o proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada).

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI Adisbismur - Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros- posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico-deportivas. Dotado de adaptacións como son un guindastre ou uns asentos ou backets, o Laion permite que as persoas con mobilidade reducida poidan subir ao barco e gozar da travesía.

A finais de xuño arrancaba a tempada do Laion que, xunto co mes de xullo, fixo posible que máis de 200 persoas, distribuídas en quendas de 8 persoas por travesía, tiveran a oportunidade de participar e aprender nocións básicas sobre a navegación a vela así como a realización de nós náuticos e o manexo do temón.

Rematada xa a Volta a Galicia, dende Ribadeo a Beluso, recolle as velas ata finais de agosto, cando participará na Regata S.A.R. Infanta Elena en A Coruña como barco acompañante, pero o seu diario de a bordo xa recolle as singraduras por Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Muros, Portonovo, Sanxenxo, Combarro e Beluso, con entidades e centros como Fraternidad (Tapia de Casariego); A Mariña- COGAMI; os Centros de Recursos para Persoas con Discapacidade de Fingoi (Lugo), Medelo (Silleda) e Mos;  COGAMI- Ferrol; Disvalia; Íntegro; Apem; Adisbismur; Aspanaes; Avanzar; Discafis-COGAMI; Apamp; Amizade e Adapta.

Este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada) é posible coa colaboración de distintos clubs náuticos que ceden os amarres, como é o caso do Real Club Náutico de Ribadeo, Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Camariñas, Marina Muros (Muport),Club Náutico de Portonovo, Real Club Náutico de Sanxenxo e Marina Combarro.

O GAVEA permite a participación en actividades náutico- deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, máis de 4.000 persoas participaron no mesmo. Esta actividade de lecer é unha das máis demandadas polas persoas usuarias dos centros e entidades de COGAMI.

 

O VELEIRO LAION

O Laion, de 13 metros de eslora, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, e a electrónica foi desprazada á bañeira da embarcación o que facilita o goberno da mesma.

Ao longo dos anos, o proxecto GAVEA participou e eventos náuticos tanto galegos como internacionais, como foron a Volta Náutica a Galicia, a Xira Náutica Costa da Morte, a Regata S.A.R. Infanta Elena, a Regata Inicial da Volvo Ocean Race, a viaxe ao Fórum Barcelona 2004, as singraduras pola Costa Cantábrica, a 32ª Edición de la America´s Cup de Vela- Valencia 2007 realizando actividades de vela adaptada durante o transcurso da mesma, a Regata Teresa Herrera, a Regata Tall Ship Race, ou a I Travesía Náutica Xacobea.

Este proxecto, aparte de achegar o mar e a navegación á discapacidade, tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social. Todas as visitas que o Laion efectúa nos diferentes pantaláns que atraca serven de espello para amosar a diversidade na que vivimos.