O veleiro Laion despedirá a tempada dende a ría de Betanzos
  • Novas
  • 30 de agosto de 2019

O veleiro Laion despedirá a tempada dende a ría de Betanzos


A piques estamos de que remate este verán para dar paso a un novo curso escolar. En setembro, a maioría de centros de recursos e entidades que forman parte de COGAMI retomarán a actividade, e neste reencontro, as persoas usuarias contaranse as anécdotas das vacacións. De seguro que algunha destas vivencias estará relacionada co Laion, o veleiro que ten a asociación ADISBISMUR en garda e custodia, tras serlle incautado ao narcotráfico.

O veleiro volveu navegar polas rías galegas durante este ano, como xa leva facendo dende hai 17, e volveu ofrecer a oportunidade de vivir a experiencia do mar a persoas que, de non ser por este proxecto de Galicia Vela Adaptada (GAVEA), non terían doado poder vivir a navegación a vela.

Persoas usuarias das entidades Fraternidad, Amizade, Aixiña, Discafis-COGAMI, APAMP de Vigo, Vontade, Adapta, Adisbismur, Misela, Disvalia, Íntegro, Apem, Asdifica, Acem Coruña, Amarai, Alcer Coruña, Aspanaes, COGAMI Ferrol, e os centros de recursos de Fingoi, Medelo, Monteporreiro e Mos, foron as que se apuntaron para vivir esta experiencia.

Contabilizamos en máis de 200 persoas as que participaron durante este verán nalgunha das 32 travesías ou saídas programadas polas rías galegas: Ribadeo, Pontevedra, Muros, Camariñas, A Coruña, Ares e Betanzos. A finais de setembro produciranse as derradeiras travesías deste verán: 6 saídas dende Sada nas que embarcarán persoas usuarias do CPAP de Bergondo.

O GAVEA en primeira persoa

Javier e Mª Carmen son dúas das persoas que realizaron unha saída no Laion. Os dous están na asociación Adisbismur de Muros e os dous quixeron vivir, no caso de Javier volver repetir, a experiencia de navegar a bordo dun veleiro.

Como diciamos, Javier é reincidente en vivir a experiencia da navegación. Tras embarcar no peirao de Muros, adoita situarse na popa do barco porque, segundo nos explica, gústalle probar sorte coa cana de pescar e así aproveita a travesía para ver se pica algún peixe. Javier agradece moito que a tripulación fale con eles, que lles expliquen características da navegación, de feito, vai tan entretido que non precisa tomar a pastilla para o mareo. Cando chega a casa, a súa familia sempre lle preguntan como foi a experiencia, se a gozou e el sempre lles contesta que si e que repetirá para o ano.

Para Mª Carmen este ano foi o ano do seu bautismo no Laion, aínda que xa viaxou en barco noutras ocasións. Para ela, sentir a brisa na faciana e escoitar o son do movemento do mar é o que máis lle gusta da experiencia porque, segundo afirma, dálle tranquilidade. Ao igual que Javier, intercambiou unhas palabras coa tripulación do Laion, quen lle explicou que con moito vento era complicado izar as velas e tamén chegar a porto. A experiencia gustoulle a Mª Carmen, quere repetir para o ano que vén  para volver sentir a brisa do mar na faciana.