Persoa usuaria de COGAMI cose mascarillas para centros de maiores de O Carballiño
  • Novas
  • 07 de abril de 2020

Persoa usuaria de COGAMI cose mascarillas para centros de maiores de O Carballiño

Ultimamente, dende que vivimos a pandemia do COVID-19, os medios de comunicación infórmannos sobre persoas anónimas que ceden o seu tempo e coñecementos de costura para dedicarse a elaborar material sanitario dende as súas propias casas.

Hoxe imos poñerlle cara e nome a unha destas persoas voluntarias. Falamos de Charo Rodríguez, que vive en San Cristovo de Cea, na comarca ourensá de O Carballiño. Charo, xunto con outras case cen amigas e compañeiras do grupo de costura da mercería La Moderna, decidiron formar equipo e poñerse a elaborar mascarillas.

Contactaron con empresas da comarca, comercios e persoas anónimas que lles cederon o material necesario. Fixeron unhas mascarillas de proba que, tras seren revisadas por persoal de sanidade, decidiron empezar a traballar nun equipo totalmente organizado.

“Todos estamos moi capacitados”, apunta Charo, “podemos colaborar co noso traballo nun momento que é moi complexo para as empresas”. Di isto unha muller que saca tempo para coser 50 mascarillas no tempo libre, ademais de xestionar a recollida e entrega dos materiais, de finalizar con excelentes cualificacións un ciclo de xestión e administración de empresas e de ensaiar para o grupo folk Feitizo de pau.

Charo describiunos como se organiza o grupo de costura: o profesor deseñou os patróns e trasladou a montaxe das partes nun vídeo tutorial. Entre as compoñentes do grupo, unhas  encárganse de cortar patróns, outras de coser, outras de facer entrega e recollida de material, outras de falar coas autoridades dos concellos para informar sobre este proxecto, outras falaron con empresas e outras cos centros para coñecer as necesidades.

Dende que se puxeron a coser o 23 de marzo, xa foron entregas 5.000 mascarillas en residencias de maiores da comarca de O Carballiño, como as de: Cea, Amoeiro, Avión, Brués, Irixo, Quercus Leiro, Veariz, San Amaro, Maside, Piñor, Carballeda de Avia e sanitarios.

Para a recollida e transporte dos materiais contaron coa colaboración de Protección Civil, Garda Civil e a empresa de transporte MRW. Toda unha comarca, a de O Carballiño, unida para axudar a quen máis necesita a colaboración durante estes días.