Persoas con artrite, esclerose múltiple e enfermidade renal benefícianse de programas que se subvencionan co 0,7% do IRPF
  • Novas
  • 15 de mayo de 2020

Persoas con artrite, esclerose múltiple e enfermidade renal benefícianse de programas que se subvencionan co 0,7% do IRPF

A posta en marcha dun Servizo de Información e Orientación para persoas con artrite da asociación ConArtitis-Santiago, o servizo de psicoloxía da entidade ACEM-Santiago para tratar a persoas afectadas pola esclerose múltiple e un programa de atención social e asesoramento especializado para persoas con enfermidade renal que desenvolve Alcer Ourense, son tres exemplos de programas que se financian a través da Xunta de Galicia cos fondos do 0,7% do IRPF.

Cada vez que unha persoa marca o recadro “Actividades de interese xeral consideradas de interese social” ao facer a declaración da renda, decide que o 0,7% dos impostos que ten que pagar obrigatoriamente poidan ir destinados a iniciativas sociais como as que realizan estas tres entidades membro de COGAMI.

Con estes programas, permítese que as persoas que forman parte deles se beneficien mellorando a súa calidade de vida, tanto a delas como tamén das súas familias. Un destes servizos iniciou en xaneiro deste ano da man da delegación da Coordinadora Nacional de Artrite, ConArtritis-Santiago. Referímonos ao Servizo de Información e Orientación, que pretende dar maior soporte informativo ás persoas con enfermidades reumáticas, como son artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil e espondiloartrite, potenciando  o apoio emocional no punto de encontro para persoas que están nunha situación similar.

Outro dos programas, o que desenvolve a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, ACEM Santiago, é un servizo gratuíto de psicoloxía para persoas afectadas de esclerose múltiple e familias. Dende que iniciou o ano pasado, beneficiáronse máis de 40 persoas recibindo terapia encamiñada a identificar e intervir nos distintos trastornos, proporcionando habilidades para o afrontamento do estrés diario e control da ansiedade e ofrecendo apoio.

Pola súa parte, dende a Asociación para a Loita de Enfermidades Renais de Ourense estase levando a cabo un programa de atención social e asesoramento especializado que xa leva ofrecido información a máis de 40 persoas con enfermidade renal e familiares.