Persoas con discapacidade aprenden a buscar traballo no centro de A Mariña COGAMI de Palmeiro
  • Novas
  • 25 de abril de 2018

Persoas con discapacidade aprenden a buscar traballo no centro de A Mariña COGAMI de Palmeiro


Unha orientadora laboral do servizo de emprego de COGAMI en Lugo, Raquel Grandío Montes, desprazouse ata as instalacións do centro de recursos que a asociación A Mariña COGAMI ten en Palmeiro, para impartir un seminario sobre Técnicas de Busca de Emprego.

Este obradoiro foi subvencionado pola Fundación Once no marco do programa Sociolaboral de Desenvolvemento Integral para Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense, dentro do programa de Atención para a Autonomía Persoal que leva a cabo o centro de recursos de Palmeiro durante o ano 2018.

Dirixido a persoas con discapacidade recoñecida e/ou incapacidade permanente total para a profesión habitual, o seminario tratou temas relacionados coa situación do mercado laboral no sector servizos. A finalidade é que as persoas asistentes asimilen unhas pautas básicas para saber desenvolverse á hora de buscar emprego.

Un grupo de 9 persoas procedentes todas de concellos da comarca de A Mariña, aprenderon a como presentarse a unha entrevista de traballo, como elaborar un currículum, como elaborar unha carta de presentación, como manexar as redes sociais especializadas na busca de emprego, cales son as obrigas e dereitos do traballador, que bonificacións e incentivos existen para os contratos de persoas con discapacidade, entre outros temas.

Durante os dous días que durou esta formación que foi repartida en sesións de catro horas, as persoas participantes tiveron a oportunidade de asimilar conceptos e pautas básicas que debemos seguir cando queremos buscar un emprego.