Persoas usuarias do centro de Medelo opinan sobre o que lles supón o estado de Alarma polo Coronavirus
  • Novas
  • 08 de abril de 2020

Persoas usuarias do centro de Medelo opinan sobre o que lles supón o estado de Alarma polo Coronavirus

Estes días de confinamento cambiounos a rutina diaria a todas as persoas, como lles ocorreu a Gaspar, María, Paula, Bea, Olalla, Óscar e Adrián. Os seis son persoas usuarias do centro de Medelo. Os seis permanecen nas súas casas dende que o Goberno decidiu declarar o estado de alarma pero, ningún dos seis está de brazos cruzados na súa casas. Dende Medelo, o grupo de profesionais do centro, encárgase de poñerlles actividades para que non baixen o ritmo de traballo.

O centro contempla unha área de educación social na que desenvolven un obradoiro de escritura. Desta vez a actividade que tiñan que desenvolver estaba centrada na actualidade que vivimos, o Coronavirus e como están vivindo o feito de non poder saír da casa. Cada unha das persoas usuarias ofrece a súa propia visión desta situación.

Manuel Gaspar ten 38 anos e vive na Estrada. “Cando escoitei a palabra Coronavirus por primeira vez sonoume moi rara e nunca pensei que ía ser algo tan malo”, comenta Gaspar. Malia que Gaspar pode seguir facendo actividades como cestería, cociña, escritura ou formación a través das vídeo chamadas que lle fan diferentes profesionais do centro, di que  “para min o confinamento é sinónimo de estar aburrido, apagado e sen gañas de nada. Pasei de ir ao centro a estar as vinte e catro horas na casa”. Está desexando poder volver á súa rutina “para abrazar ás persoas que quero e volver á vida normal”, apunta Gaspar e manda unha mensaxe moi clara: “Todos xuntos imos vencer ao Coronavirus e despois disto imos facer unha gran festa”.

María Fernández ten 43 anos e vive no concello de Silleda. A María non lle preocupou a primeira vez que escoitou falar de Coronavirus nin tampouco sentiu mágoa por ter que quedar na casa. Agora, que xa levamos máis de tres semanas de confinamento, María ve moi positivo poder realizar actividades do centro na casa porque “mantéñome entretida falando nas vídeo chamadas”. Algunhas das actividades que realiza son zumba, calceta ou cestería. María leva ben o confinamento porque se distrae coas redes sociais, practicando deporte na casa e tamén a través do contacto que mantén con monitores e persoas usuarias do centro.

Paula Clemente ten 33 anos e vive no concello de A Estrada. A primeira vez que escoitei a palabra na televisión sentín medo. Paula descoñecía a palabra Coronavirus, como a maioría de nós, pero soubo que era serio o tema cando se decretou o estado de alarma. Tamén é das que continúa coa actividade do centro a través do contacto telefónico e por vídeo chamada pero, como ten moito máis tempo que cando está no centro, Paula di “valoro máis facer cousas coa miña nai”. Cando saiamos do confirnamento, Paula vai “celebrar o meu aniversario por todo o grande” e quere enviar unha mensaxe moi clara á familia “quérovos moito a todos e coidádevos”, dixo.

Beatriz López ten 38 anos e vive en Pardemarín, no concello de A Estrada. Gústalle moito saír a camiñar pero, durante esta tempada ten que deixar esta actividade para máis adiante. Preocupada tamén coa situación que estamos vivindo, Beatriz pensou que “non íamos volver nunca máis ao centro”. O estar estes días na casa ocasiónalle estados diferentes ánimo “estou alegre porque estou ben, triste porque non podo ver aos meus compañeiros e agora colaboro máis na casa facendo tarefas que antes non facía”. Beatriz bota en falta ver á súa irmá e sobriñas pero sabe que isto pasará e volverán quedar. Ademais ten unha meta: facer a etapa do Camiño de Santiago dende o Monte do Gozo.

Olalla Cimadevilla ten 31 anos e vive en Arnois, no concello de A Estrada. Ela pensaba que o Coronavirus quedaba lonxe, como estaba por China, creu que non chegaría ata aquí. E chegou, e tivo que quedar na casa, malia que ao principio non o levaba ben, “quedei en shock”, di Olalla “agótame estar todo o día na casa sen poder facer as saídas que adoitamos facer en Medelo”. Agora di que pasa por momentos de aburrimento, valora moito máis a liberdade de "poder saír pasear coa miña nai” e está desexando volver á rutina do centro.

Adrián Ríos ten 26 anos e vive no concello de Cuntis. Encántalle practicar deporte, aínda que estes días teno máis complexo. Cando escoitou Cornovirus ao principio sentiuno como algo moi lonxano porque o situaban en China. Cando xa se confirmou da súa chegada e o posterior confinamento na casa, di que “ao principio púxenme triste porque pensei no aburrido que ía estar na casa sen poder ir ao centro”. A Adrián estalle pasando factura estar na casa, di que agora está aburrido e que non pode andar na bicicleta. Cando a situación se recupere, xa anunciou que vai “saír tomar algo, estar cos meus amigos e ir de excursión co centro de Medelo”, ao que lle manda saúdos.

Óscar López ten 29 anos e vive en Añobre, localidade do concello de Vila de Cruces. Como lle gusta moito escoitar música, estes días de confinamento aprovéitaos para gozar máis desta afección que ten. Óscar ao principio preocupouse porque descoñecía o que significaba vivir nun estado de alarma e agora di que “sinto alivio e tamén a veces me enfado por non poder estar no centro". Óscar tamén pasa o tempo na casa realizando as actividades que lle indican dende o centro por vídeo chamada e está desexando que volva a normalidade á súa vida, para poder ver aos compañeiros.