Preto de cen persoas beneficiáronse do servizo de fisioterapia especializado en Linfedema que ofrece AGL
  • Novas
  • 04 de diciembre de 2019

Preto de cen persoas beneficiáronse do servizo de fisioterapia especializado en Linfedema que ofrece AGL

A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) desenvolveu durante este ano un proxecto de fisioterapia especializada no tratamento de linfedema e lipedema a través do que se trataron un total de 90 persoas. A través deste servizo, o que pretende a entidade é mellorar as capacidades das persoas que teñen estas patoloxías, co fin de facilitarlles a  súa autonomía persoal a través da  integración social e laboral.

Segundo sinala a Sociedade Española de Anxioloxía y Cirurxía Vascular (SEACV) e a Sociedade Española de Rehabilitación e Medicina Física (SERMEF), máis de 900.000 persoas en España padecen un linfedema, das que se calcula que en Galicia son 50.000 as persoas afectadas. Destas persoas, estímase que só en linfedemas secundarios asociados a intervencións de cancro de mama, 3.000 mulleres cada ano van a desenvolver un linfedema en España. 

O Linfedema é unha alteración do sistema linfático, polo tanto é unha enfermidade grave, crónica e progresiva, de evolución lenta, que proporcionalmente afecta máis ás mulleres. Na actualidade non existen fármacos ou intervencións cirúrxicas eficaces. Está demostrado que o máis efectivo para evitar que a doenza empeore é o tratamento fisioterapéutico especializado, como o programa desenvolvido por AGL, que se desenvolve nestas localidades: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Ferrol, Culleredo e Baio.

AGL iniciou este programa especializado de fisioterapia en 2015, dirixido a persoas con linfedema preferentemente mulleres  da área rural. Este servizo, levado a cabo por profesionais especialistas, pretende reducir os efectos incapacitantes desta enfermidade, favorecendo a autonomía persoal, as posibilidades de integración socio-laboral e a mellora da calidade de vida das persoas afectadas.