Preto dun centenar de persoas reciben o servizo de asistencia persoal que presta COGAMI, co fin de mellorar a súa autonomía persoal
  • Novas
  • 27 de febrero de 2020

Preto dun centenar de persoas reciben o servizo de asistencia persoal que presta COGAMI, co fin de mellorar a súa autonomía persoal


COGAMI continúa falando de dereitos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, campaña que iniciou este 2020 co gallo da conmemoración do 30 Aniversario. Un destes dereitos é a autonomía persoal, á que se lle dedica o mes de febreiro, e para referirse a ela, COGAMI quere salientar o servizo de Asistencia Persoal, unha prestación que se lle concede ás persoas en situación de dependencia.

Este recurso, que COGAMI iniciou a xestionar en 2007, permítelle ás persoas beneficiarias poder acadar maior independencia e autonomía na toma de decisións. Para poder ser unha persoa usuaria de Asistencia Persoal é necesario cumprir cuns requisitos como son que a persoa teña recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos e tamén, ten que estar capacitada para ordenar e supervisar as actividades do servizo. Unha vez cumpridos estes requisitos, é necesario solicitar este servizo ao persoal técnico de valoración da dependencia, organismo que valorará se se pode iniciar esta prestación.

Funcionamento do servizo da Asistencia Persoal

A Asistencia Persoal é un servizo de apoio humano que contrata unha persoa que ten necesidades de apoio para desenvolver tarefas da vida diaria. O servizo nace, por tanto, para fomentar a vida independente, promovendo e potenciando a autonomía da persoa beneficiaria. É a propia persoa con discapacidade a que controla este servizo, polo que é ela mesma a que decide como planealo, quen quere que o preste, de que maneira e tamén será a que dea as instrucións para dirixir ás persoas que prestan este servizo, que son os asistentes persoais.

É, polo tanto, a persoa que ten necesidades de apoio a que ten o control absoluto de todos os aspectos que competen á execución do servizo, encargada de darlle as directrices necesarias ao asistente persoal.

O profesional que desempeña a función de asistente persoal é a persoa contratada para realizar ou axudar a realizar as tarefas da vida diaria a unha persoa que non pode realizalas por si mesma. Nesta relación laboral, as decisións tómaas a persoa con discapacidade que recibe a asistencia.

As tarefas que desenvolve un asistente persoal son dende tarefas persoais (comprendendo o aseo, o vestido, levantamento da cama, axuda para alimentación, necesidades fisiolóxicas, toma de medicación, etc.), como tamén poden ser tarefas do fogar como a limpeza ou as comidas, tarefas de acompañamento na casa, traballo, rúa, etc., ademais de tarefas de condución, de comunicación, como a interpretación de lingua de signos ou outros sistemas alternativos, etc.

Persoas usuarias do servizo

Arestora son 95 as persoas que están recibindo este servizo de asistencia persoal, 46 mulleres e 49 homes, con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos. Por provincias, na de A Coruña son 47 persoas as que reciben esta prestación, en Lugo son 14, en Ourense 3 e en Pontevedra son 31.

Por concellos, as persoas con asistencia persoal son de:

A Coruña (13), A Laracha (1), A Pobra (1), Ames (1), Arteixo (2), Betanzos (1), Boiro (1), Cabana de Bergantiños (1), Cambre (2), Carballo (4), Dodro (1), Fene (1), Narón (3), Oleiros (1), Oza dos Ríos (1), Porto do Son (3),  Ribeira (3), Santa Comba (1), Santiago Compostela (6), Vedra (1).

Lugo (7), Friol (1), Mondoñedo (1), Monforte Lemos (4), Portomarín (2)

Ourense (3) e Pereiro de Aguiar (1).

Pontevedra (4), Baiona (1), Barro (1), Cambados (1), Cangas (3), Catoira (1), Mos (3),

O Porriño (3), Pazos de Borbén (1), Ponteareas (2), Rodeiro (1), Sanxenxo (1), Tomiño (2), Vigo (7) e Vilagarcía de Arousa (1).

Para unha persoa con discapacidade, contar coa prestación da asistencia persoal, suponlle ter o control da súa vida á hora de tomar decisión, vivir no seu domicilio, interactuar coa contorna, participar na vida pública, poder traballar, estudar, ter acceso ao lecer,... en fin, permítelle ter o dereito de vivir unha vida independente nunha sociedade inclusiva, aspirando a que se respecte a súa liberdade para elixir ondee e con quen quere vivir.