Renovación do proxecto EnREDarte que financia a Consellería de Educación
  • Novas
  • 24 de julio de 2017

Renovación do proxecto EnREDarte que financia a Consellería de Educación

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porán en marcha a segunda edición de ‘En-Red-Arte”, unha iniciativa que naceu no 2015 e que ten como principal finalidade mellorar o acceso á cultura por parte das persoas con discapacidade.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron esta mañá a renovación deste acordo de colaboración a través do cal o departamento educativo do Goberno galego achega unha contía de 20.000 euros. Na sinatura tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O proxecto ‘En-Red-Arte’ está deseñado co fin de proporcionarlles ás persoas con discapacidade a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe, e que lles permita desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico. Ao mesmo tempo, preténdese incentivar o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais, romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal, entre outras.

Para lograr estes obxectivos levaranse a cabo distintos obradoiros de artes plásticas, de fotografía artística, de escritura creativa, de teatro, de música tradicional e popular, e de danza contemporánea. Todos eles están pensados para que que as persoas que participen –un total de 200 beneficiarias previstas– acaden unha base de coñecementos na materia concreta e, a partir de aí, fomentar o seu espírito creativo e artístico, tendo en conta os gustos persoais de cada quen.

As actividades terán lugar nos centros de recursos de persoas con discapacidade e asociacións de membros da entidade, así como tamén nos espazos formativos que COGAMI emprega habitualmente.