Satisfacción en COGAMI e ACCU trala decisión de Corina Porro de instalar baños adaptados a persoas ostomizadas nas instalacións da Xunta en Vigo
  • Novas
  • 23 de agosto de 2019

Satisfacción en COGAMI e ACCU trala decisión de Corina Porro de instalar baños adaptados a persoas ostomizadas nas instalacións da Xunta en Vigo

Representantes das entidades COGAMI e ACCU (Asociación de enfermos/as de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense) reuníronse coa delegada territorial da Xunta de Galicia, Corina Porro, para interesarse sobre o plan que vai levar a cabo a Xunta en Vigo e que consiste na instalación de aseos adaptados a persoas ostomizadas en distintas dependencias autonómicas localizadas en Vigo.

Así llo anunciou Corina Porro ao presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, ao presidente e fundador de ACCU Ourense, Fernando Jiménez, e á presidenta en funcións de ACCU en Vigo, Mónica Rodríguez.

Segundo explicou Porro, as dependencias da Delegación Territorial de Vigo van ser as primeiras en ser adaptadas e logo seguirase coas do novo edificio xudicial que ten en construción a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na cidade, para continuar co futuro albergue de peregrinos proxectado pola Consellería de Cultura e Turismo na Ribeira do Berbés.

Para os representantes das entidades, este compromiso que parte da Xunta é un paso máis para o cumprimento da Lei de Accesibilidade e contribuír na mellora da calidade de vida das persoas ostomizadas e do cumprimento dos seus dereitos. Pero tamén dende o movemento asociativo queren dar un paso máis propoñendo a creación dun grupo de traballo para a definición dunha normativa estatal e autonómica.