Cada vez que unha persoa contribuínte marca o recadro de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, colabora con programas como o de Atención Temperá e Discapacidade Infantil que desenvolve a Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca de Noia e Muros (Misela).
Durante o ano 2020, participaron neste programa un total de 61 nenas e nenos coas súas familias, un recurso que a entidade ofrece dentro do servizo EDIAT, Equipo de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá.
Este programa é posible coa financiación obtida a través da Xunta de Galicia e que vén derivada a través dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda, a coñecida como X Solidaria, procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”.
A través da atención temperá ofrécese atención global e especializada ás nenas e nenos con discapacidade ou risco de desenvolvela e á súa familia, potenciando o seu desenvolvemento e favorecendo a súa funcionalidade, sen separalo do seu medio familiar e social.
Este servizo resulta fundamental para dar cobertura de tratamento especializado ás nenas e nenos no seu entorno próximo, xa que contan con atención individualizada de fisioterapia, terapia ocupacional e psicoloxía, así como atención ás familias, seguimento e coordinación co entorno.