Un programa de COGAMI logra a participación de 25 persoas con discapacidade en situación especial de vulnerabilidade
  • Novas
  • 30 de diciembre de 2020

Un programa de COGAMI logra a participación de 25 persoas con discapacidade en situación especial de vulnerabilidade

Un programa desenvolvido por COGAMI durante o ano 2020 remata coa participación de 25 persoas con discapacidade e en situación de especial vulnerabilidade polo feito de ser mulleres, por ter unha grande discapacidade, por vivir situacións de violencia ou por carecer de recursos.

O equipo de traballadoras sociais das oficinas que COGAMI ten en Ferrol, Santiago e Vigo, traballou con estas persoas usuarias a través do deseño de itinerarios personalizados de intervención social con acompañamento. Co fin de incrementar o seu nivel de participación, desenvolvéronse actividades de motivación persoal, empoderamento, información, dinamización, mellora das habilidades sociais e tamén de alfabetización dixital relacionada co emprego das plataformas públicas.

Financiado pola Fundación ONCE, a través deste programa realizáronse entrevistas de avaliación inicial, deseñáronse itinerarios de intervención social con acompañamento acordados coas propias persoas usuarias, implementáronse accións contempladas nos itinerarios que fosen competencia do servizo, acompañouse naquelas que a persoa tivera que facer noutros servizos, ademais de realizar seguimentos da evolución da intervención.

Todos estes itinerarios personalizados de intervención social con acompañamento incluíron actuacións relacionadas con intervencións básicas do traballo social, traballo a nivel familiar e coa contorna da propia persoa, busca de alternativas de vivenda para as persoas que o precisaron, coordinacións con organismos externos coa finalidade de acompañar ás persoas no proceso de adquisición de ferramentas, fomentando o seu desenvolvemento autónomo e a súa interacción social.