Un programa de inserción que desenvolve COGAMI ofrece segundas oportunidades laborais
  • Novas
  • 23 de octubre de 2019

Un programa de inserción que desenvolve COGAMI ofrece segundas oportunidades laborais


       

Dolores Vidal entrou a formar parte de COGAMI sobre o ano 2017, tras pechar un negocio de hostalería. Unha enfermidade crónica que ten dende hai tempo, e tras escoitar os consellos médicos, Dolores tivo que pechar a porta dunha profesión que rexentou durante 11 anos. Agora, con 53 anos, toca reinventarse, volver encamiñar unha nova vida laboral para volver estar activa dentro do mercado.

Tras unha xuntanza mantida coa orientadora laboral de COGAMI en Ourense, a súa localidade natal, Dolores entra a formar parte dun programa de emprego denominado Itinerarios integrados e personalizados para a inserción laboral que se está a desenvolver en Santiago, Ferrol e Ourense co fin de mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade mediante o trazado de itinerarios integrados e personalizados.

“O problema ao principio é volver encamiñar a túa vida laboral, volver reinventarte”, apuntaba Dolores. E reinventouse en positivo, porque Dolores presentouse a unha oferta de emprego dunha parafarmacia na cidade. A súa experiencia cara ao público e o seu afán por aprender día a día derivou en que entraba a formar parte deste novo proxecto. “Ao principio veste un pouco perdida, pero grazas á comprensión e paciencia que atopei nas compañeiras, estou saíndo adiante”, explica.

Santiago Alcaraz chegou a COGAMI por vez primeira no mes de marzo, despois de que lle concederan o certificado de discapacidade. Tras ser entrevistado por unha orientadora laboral da oficina de Ferrol, apuntouse como demandante de emprego na base de datos que ten a Confederación.

Ao igual de Dolores, Santiago entra no programa de inserción POISES e empeza a participar en accións de motivación de cara ao mercado laboral, tanto individuais como en grupo, nas que tamén se traballou o uso de ferramentas dixitais que favorecen a busca de emprego. Despois de enviar o seu curriculum a diferentes ofertas, é no mes de xuño cando resulta ser a persoa seleccionada para traballar nunha empresa de loxística como mozo de almacén. Non o pensa, acepta esta oferta que, polo de agora, terá continuidade durante seis meses. “Estou contento”, comentábanos Santiago e engadía que “con 45 anos é máis complicada a inserción, sobre todo cando tés estudos básicos”.

Outra persoa que entrou neste programa foi Jana Lucía Pato, quen dende hai máis de un ano está apuntada na bolsa de emprego de COGAMI. Esta moza de 36 anos que vive en Mugardos, estaba estudando unha carreira universitaria de enxeñería pero tivo que abandonala porque lle supoñía demasiado cansazo cando lle diagnosticaron a enfermidade de Esclerose Múltiple. Tras aprender a convivir coa doenza que ten, Jana decidiu apostar por empezar a traballar porque, aínda que si realizou algún que outro traballo, estes eran de carácter esporádico.

A orientadora laboral da oficina de Ferrol recomendoulle que entrara a formar parte do programa POISES e así fixo: empezou a participar en itinerarios individualizados de inserción socio-laboral e ao mesmo tempo enviaba a súa candidatura a ofertas de emprego que ían saíndo pola comarca ferrolá. No mes de agosto, unha das empresas seleccionouna para traballar como recepcionista e administrativa, probou e di estar moi contenta con esta oportunidade. Jana opina que este programa no que está supuxo unha axuda para ela, segundo dixo “creo que pola miña conta teríao máis complicado para atopar traballo, de feito, presenteime a algunha entrevista e ao dicir que tiña unha discapacidade déronme para atrás, esa foi a miña impresión”.

Graciela Lois, unha veciña do concello de Ames apuntouse hai sete anos na bolsa de emprego de COGAMI, non porque nese momento precisara apoio porque, de feito, estaba traballando, senón que o fixo por se máis adiante lle podía facer falta. E así foi. Hai aproximadamente un ano, cando quedou desempregada tras traballar na hostalería e en empresas de transporte de autobuses como condutora, acudiu a COGAMI para informarse. Dende o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral da entidade empezaron a traballar con ela e a asesorala, ofrecéndolle a posibilidade de reorientar a súa vida laboral formándose en cursos como un de operario de carretilla.

Graciela non dixo que non. Para ela ter 61 anos non supón tirar a toalla, senón un impulso para reinventarse e apostar por novas oportunidades que lle cheguen, como a de formar parte do cadro de persoal de Coregal nas instalacións que esta empresa de reciclaxe ten en Santiago de Compostela. Dende hai 3 meses Graciela empezou a traballar en Coregal e afirma estar moi contenta con esta oportunidade. Segundo dixo, “a xente nova ten que loitar, traballar porque é o noso futuro, pero tamén a xente maior temos a experiencia que vale moito, unha persoa se quere e vale traballar, non importan as idades”.

Graciela, Dolores, Santiago e Jana son catro exemplos de persoas que atoparon traballo tras pasar polo programa POISES de inclusión sociolaboral. Estas catro persoas, malia que pasaron por momento complexos, tiraron cara adiante sen importarlles nin a idade, nin as doenzas nin as circunstancias.

O mesmo ca eles é o que pensan o total de 137 persoas, 57 mulleres e 80 homes, que arestora participan no Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES) que financia a Convocatoria Xeral 2018 de axudas económicas para o emprego no marco do programa operativo POISES 2014-2020 cofinanciado Fondo Social Europeo e xestionado por Fundación ONCE. Dende que iniciou en marzo de 2019 este programa, leváronse a cabo unha serie de accións de capacitación como a derivación a cursos formativos a 33 persoas integrantes do programa ou tamén a posibilidade de que 98 persoas se presentaran a ofertas de emprego que derivaron en que 70 destas persoas foran contratadas.

A este proxecto de inclusión sociolaboral puideron optar principalmente mulleres con discapacidade, mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas con discapacidade que viven en zonas rurais, tres perfís que teñen máis complexa a inserción laboral. Con elas o que se fai é ofrecerlles sesións de orientación laboral, aprenden a identificar as súas capacidades, a marcar unhas metas laborais e a preparar o seu curriculum para mellorar a empregabilidade.

COGAMI encárgase de orientar ás persoas participantes do programa, que remata en xuño de 2020, á hora de afrontar unha entrevista de traballo, sendo o centro de atención a persoa, polo que se deseñarán itinerarios de inserción individualizados. Outra das funcións de COGAMI é a de actuar de intermediario coas empresas da comarca para identificar candidaturas ás ofertas de emprego que poidan xurdir.