Un total de 140 persoas atoparon emprego tras formarse nun dos 34 cursos que ofreceu COGAMI neste ano
  • Novas
  • 27 de diciembre de 2019

Un total de 140 persoas atoparon emprego tras formarse nun dos 34 cursos que ofreceu COGAMI neste ano


Durante o ano 2019 COGAMI impartiu 34 cursos de formación que suman un total de 8.997 horas formativas dirixidas todas elas a persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual.

Foron un total de 411 persoas as que se formaron, 172 mulleres e 239 homes, nuns cursos que foron financiados por distintos organismos como: a Consellería de Economía, Emprego e Industria; a Consellería de Política Social; o Fondo Social Europeo; a Fundación ONCE; a Fundación La Caixa; o Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social e tamén Tempe-Grupo Inditex.

O programa de formación que cada ano desenvolve COGAMI está adaptado ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade, tendo por finalidade a adquisición de competencias para capacitar o seu desenvolvemento profesional.

Co fin de que o alumnado tome contacto co mercado laboral e co tecido empresarial, os cursos teñen habilitadas horas prácticas en empresas. Durante este ano participaron nestas prácticas un total de 240 persoas, completando así a súa formación teórica. Moitas das persoas que se forman con COGAMI é durante estas prácticas cando logran a inserción laboral. Este ano foron 140 persoas as inseridas, sendo o 43% destas mulleres.

Cada vez que se imparte un curso, téñense en conta as necesidades da persoa e tamén as demandas do tecido empresarial, xa que o obxectivo final desta formación é lograr a inserción laboral das persoas con discapacidade, as principais destinatarias deste servizo.

Algunhas das temáticas ofertadas durante o ano 2019 foron: dependente de tenda e paquetería; servizos administrativos; acompañante de transporte adaptado; informática básica; elaboración de produtos alimentarios; xestión de almacén; persoal de limpeza; ofimática; alfabetización dixital; competencias clave; auxiliar de servizos; operador de caretilla elevadora; caixeiro; controlador de accesos; revestimentos en construción; operario de limpeza viaria; manexo de Windows, Word, Excel e Internet; apoio loxístico en almacenamento industrial con movemento de cargas e almacenaxe e reposición.

As localidades nas que se impartiu a formación foron tanto zonas urbanas como rurais, sendo as zonas rurais un punto de interese importante para COGAMI porque carecen de máis servizos que nas cidades. Durante este ano os cursos se impartiron deste xeito:  4 en A Coruña e Vigo, 3 en Santiago e Ourense, 5 en Ferrol e tamén en Lugo e 1 en Pontevedra, Cabana de Bergantiños, Ponteareas, Vilalba, Boiro, Sarria, Moaña, Verín, O Barco de Valdeorras e Sigüeiro.

Para o ano 2020, COGAMI xa ten planificado o plan de formación que se vai desenvolver, se ben xa hai tres cursos que iniciaron en novembro e desenvolveranse ao longo deste novo ano que está a piques de iniciar. Referímonos a un curso de actividades administrativas e relación co cliente que se desenvolve en Ferrol e aos de operacións auxiliares e servizos administrativos que se desenvolven tamén en Ferrol e Cabana de Bergantiños, participando neles 45 persoas.