Vinte e cinco persoas á semana son atendidas no servizo de logopedia que ofrece a Federación Discafis COGAMI de Ourense
  • Novas
  • 11 de octubre de 2018

Vinte e cinco persoas á semana son atendidas no servizo de logopedia que ofrece a Federación Discafis COGAMI de Ourense

A Federación Discafis-COGAMI da provincia de Ourense ten operativo dende o ano 2006 un servizo de logopedia que presta atención semanalmente a 25 persoas usuarias, tanto da federación como das 14 entidades membro que a conforman.

Financiado polo concello de Ourense, o servizo de logopedia ten por finalidade traballar pola independencia deglutoria das persoas (tragar o alimento de maneira adecuada) e a súa comunicación, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

Os perfís das persoas que atende este servizo teñen patoloxías variadas e sintomatoloxías, na súa gran maioría debidas a enfermidades neurodexenerativas, por iso, despois da avaliación detallada de cada persoa usuaria, é designada a intervención adecuada individualizada.

A Logopedia é unha profesión sanitaria para promocionar a saúde, previr, tratar e perfeccionar os aspectos logopédicos de función auditiva, da linguaxe oral e escrita, da voz a través da fluidez e articulación da fala e dos sistemas da deglución. Tamén exerce actividades de ensinanza, pesquisas, perito-xudiciais e administrativas.

Para máis información sobre este servizo de logopedia que ofrece Discafis-COGAMI, pódese contactar no teléfono 988 248 769.