“X” humanas animan ás persoas  contribuíntes a marcar o recadro de fondos sociais na declaración da renda
  • Novas
  • 03 de abril de 2019

“X” humanas animan ás persoas contribuíntes a marcar o recadro de fondos sociais na declaración da renda

COGAMI foi unha das entidades sociais que se concentraron en Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol, Ribeira e A Mariña lucense para presentar a nova campaña da “X Solidaria” a través de cadeas humanas para debuxar unha x xigante co fin de visibilizar o debuxo da X Solidaria e chamar a atención sobre a importancia de marcar a casiña de FINS SOCIAIS cando fagamos a declaración da renda.

Todas as persoas concentradas son beneficiarias dos programas que se desenvolven a través do recadado marcando o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” na declaración, un simple xesto que non custa nada, e que axuda a moitas persoas a través de programas tan diversos como atención de persoas sen fogar, persoas con discapacidade, maiores, mulleres en dificultade social, vítimas de violencia de xénero…

Dende as entidades concentradas resaltaron a importancia de marcar a X, porque “beneficia directamente a milleiros de persoas en Galicia”.

Todas as entidades concentradas representan ao Terceiro Sector galego e todas coinciden na necesidade de “facer un chamamento á cidadanía para que marque o recadro do X Solidario. A Administracion ofrécenos a posibilidade de decidir a que queremos destinar unha parte do diñeiro que se recada cos nosos impostos. En concreto o 0,7 %. Esa porcentaxe irá destinada a facer proxectos sociais para as persoas en risco de exclusión social. España é un dos países con máis desigualdades dentro da Unión Europea. Hai 13 millóns de persoas que están en situación de pobreza e se tódalas persoas que non marcan a X Solidaria o fixeran, poderíamos recadar 11 millóns de euros máis”.

Mediante estas concentracións cidadás, dende os movementos asociativos queren destacar que o feito de marcar o recadro de Fins Sociais é un dereito que temos toda e todos: escoller a onde van a parar os nosos impostos.  O que pretendemos con esta campaña, é animar á xente a que marque o recadro de “Actividades de interese xeral”, porque non estaremos pagando máis impostos, nin recibiremos menos cartos no caso de devolución: o que faremos será contribuír á organización de programas e proxectos para as persoas en risco de excusión social”.

X SOLIDARIA EN DATOS

-Un 54,57 % das persoas contribuíntes en Galicia marcaron o recadro de “Actividades de interese social”. Trátase de 701.637 persoas, superando en 13.899 as logradas en 2017.

-584.138 persoas seguen sen marcar a X Solidaria. Un total de 455.829 non marcaron ningún recadro e 128.309 só marcaron o da Igrexa.

-Se todos os galegos e galegas marcásemos a X Solidaria, a asignación final en Galicia sería de 27.448.559,3 euros, sendo 12.471.346,3 euros máis que o ano pasado.

-Como media cada persoa contribuínte aportou 23,53 euros.

Presta atención!!!

-Marcar a X Solidaria non custa nada. Nin pagas máis, nin che devolverán menos.

-Ti decides que o 0,7% dos impostos se destine integramente a programas desenvoltos polas ONG.

-Se xa marcas a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, poderás axudar o dobre.