Xunta e ACADAR deron continuidade ao servizo de atención sexolóxica DEDALEIRA
  • Novas
  • 23 de diciembre de 2019

Xunta e ACADAR deron continuidade ao servizo de atención sexolóxica DEDALEIRA

Un convenio asinado entre a Secretaría Xeral de Igualdade e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) deulle continuidade durante 2019 ao servizo DEDALEIRA de atención sexolóxica ás persoas con discapacidade e familiares.

Durante o último cuadrimestre do ano este servizo realizou un total de 30 actividades entre intervencións individuais ás mulleres con discapacidade e formacións personalizadas dirixidas ás persoas profesionais, persoas con discapacidade e as súas familias.

O labor de DEDALEIRA divídese en tres vertentes principais como son a información, orientación e asesoramento, a intervención e a formación orientada tanto a familias como a entidades e profesionais de diferentes organismos.

Este servizo vese fortalecido pola unidade específica “QUERELAR”, dedicada á detección e identificación de situacións contra a liberdade e a indemnidade sexual (agresión sexual, violación, abuso sexual, acoso sexual, intimidación…), así como ao acompañamento e asesoramento personalizado das persoas que poidan vivir este tipo de situacións e das súas familias ou persoal profesional que o desexe.

Dende os seus inicios, DEDALEIRA desenvolveu  proxectos para traballar en materia de afectividade e sexualidade, de cara á previr, detectar e intervir en situación de violencia sexual (especificamente, de abuso infantil, directamente relacionado coa unidade “QUERELAR”) en colaboración e coordinación con diferentes organismos da Xunta de Galicia, entre eles a Secretaría Xeral da Igualdade, que financia o servizo durante este ano; a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; ou a Consellería de Educación; así como entidades privadas como Obra Social “La Caixa”.

Máis 1.290 persoas beneficiáronse deste servizo DEDALEIRA dende que iniciou o ano 2017. É un servizo gratuíto e conta cun teléfono 600 200 022 ao que se pode contactar para solicitar a información que se necesite.