Xuntanza de familias en Mos para asistir ao peche por vacacións da vivenda tutelada
  • Novas
  • 08 de agosto de 2019

Xuntanza de familias en Mos para asistir ao peche por vacacións da vivenda tutelada


A vivenda tutelada de Mos acolleu hoxe unha xuntanza na que reuniu a persoas usuarias do proxecto Independízate, familiares, profesionais do centro e tamén representantes do concello de Mos: a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Camilo Augusto.

Todas as persoas convidadas quixeron ver como é esta vivenda totalmente accesible e que permitiu que 12 persoas con discapacidade, divididas en tres quendas de catro participantes, puideran compartir durante dous meses e medio o mesmo espazo.

Financiado por Fundación “la Caixa”, este proxecto vai ter continuidade a partir do mes de setembro porque se trata dun recurso que suscitou moito interese ante as persoas usuarias do centro de Mos e os resultados destes meses de desenvolvemento resultaron ser moi positivos. Actualmente, estase a traballar na configuración do seguinte grupo e na consolidación do recurso que estará a disposición das persoas que precisan apoios puntuais para acadar un proxecto de vida autónoma.

Esta vivenda ten por obxectivo adestrar a 15 persoas en habilidades para a vida autónoma, tendo a disposición persoal de apoio que lles acompañará no seu proceso de aprendizaxe.