A Xanela celebra o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha exhibición de baloncesto adaptado


A Xanela, asociación de persoas con diversidade funcional de As Pontes, conmemorará o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha exhibición de baloncesto adaptado. A actividade, que foi organizada en colaboración co Concello de As Pontes, Abenconsa BasektMi Ferrol e o Club de Baloncesto das Pontes, desenvolverase o día 4 de decembro, a partir das 17:30 horas no Pavillón de Monte Caxado.

A exhibición correrá a cargo do Abeconsa Basketmi Ferrol da Primeira División Nacional, un dos primeiros clubs galegos en ofrecer ás persoas discapacitadas a oportunidade de practicar baloncesto en cadeira de rodas. Tras a demostración, o público asistente poderá participar e poñerse no lugar das persoas con discapacidade practicando está disciplina deportiva coa asistencia dos compoñentes do equipo ferrolán.

O obxectivo desta iniciativa é transmitir a importancia das actividades deportivas como ferramentas para promover a inclusión social. A práctica deportiva mellora da coordinación, axuda coa postura corporal, co desenvolvemento da orientación espacial, da forza, resistencia, flexibilidade e ton muscular pero tamén mellora o nivel progresivo da aprendizaxe e da autoestima, aspectos crave para lograr a integración social das persoas con discapacidade.

 

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade celébrase cada 3 de decembro, en todo o mundo, de acordo á resolución 47/3 da Asemblea Xeral, adoptada o 14 de outubro de 1992. O obxectivo desta data é sensibilizar á opinión pública sobre as cuestións relacionadas coa discapacidade; os dereitos das persoas con discapacidade e os beneficios que se derivarían da integración destas persoas en todos e cada un dos aspectos da vida política, social, económica e cultural das súas comunidades. Este ano a celebración céntrase en promover os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ( ODS) necesarios para alcanzar o futuro que queremos, e destacar o papel que desempeñan estes obxectivos na construción dun mundo máis inclusivo e igualitario para as persoas con discapacidades.

A Xanela

Asociación de persoas con diversidade funcional de As Pontes, membro de Cogami nace no ano 2000, para coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con diversidade funcional, co fin de conseguir a máxima atención social á problemática que representan, e a súa integración na sociedade. Situada no municipio de As Pontes, conta con 177 socios e 20 usuarios. Diríxese a persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial do concello e poboacións limítrofes así  como aos seus familiares e contorna social. A súa misión é mellorar a calidade de vida e fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas e de lecer e tempo libre.