O vindeiro sábado 7 de outubro levarase a cabo o obradoiro mensual de pintura da asociación AS.PA.NE.MI (Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía) de 17:00 a 20:00 horas no local 3 do Local Social da Solaina, en Narón.
Os nenos e nenas que participen poderán desfrutar de actividades totalmente lúdicas baseadas na realización de diferentes actividades sensoriais, como son a recreación do mar nunha botella e a elaboración de area artificial. Logo, participarán en diferentes dinámicas de grupo. Ó rematar, reporán forzas merendando.
Lembrar que esta actividade está dentro do programa de “Respiro familiar”; é dicir, que serve para dar un tempo libre a pais, nais e familiares dos nenos e nenas mentres que estes pasan un bo rato nun espazo plenamente inclusivo; posto que non só se oferta ó colectivo no que se centra a actividade da asociación, senón que está aberto a calquera neno e/ou nena que queira asistir.