A praia de Samil acolle a sexta edición do 'Móllate pola Esclerose Múltiple' organizada por AVEMPO

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) celebra por sexto ano consecutivo en Vigo a campaña solidaria ‘Móllate pola Esclerose Múltiple’. O vindeiro domingo 9 de xullo a praia de Samil acollerá, de maneira exclusiva en toda a comunidade galega, esta campaña de sensibilización social que ten por obxectivo achegar á sociedade unha enfermidade neurolóxica que afecta a máis de 3.700 persoas en Galicia e arredor de 55.000 en España.

Nesta nova edición do ‘Móllate’ pacientes, familiares e profesionais de AVEMPO estarán informando sobre a campaña e animando á participación social ao longo do día. A asociación instalará unha carpa co merchandising exclusivo da campaña e material da propia entidade xunto á piscina ‘Samil San Remo’. Todos os fondos recadados destinaranse ao mantemento dos servizos que AVEMPO ofrece na súa sede ás persoas afectadas pola enfermidade e aos seus familiares.

A longo de todo o día, AVEMPO celebrará distintas actividades lúdicas na piscina para todas as idades. Como novidade, a asociación instalará este ano unha ruleta solidaria con premios para quen participe co seu donativo. Durante a xornada celebraranse tamén clases de fitness e ximnasia acuática e unha gran ‘verbena mollada’.

A asociación convoca tamén os xa tradicionais chapuzóns solidarios pola Esclerose Múltiple. O acto principal terá lugar ás 13:00h. na praia e el segundo baño ás 18:00h. na piscina. Persoas afectadas de Esclerose Múltiple, familiares e profesionais de AVEMPO realizarán un chapuzón solidario e animarán aos bañistas a sumarse á causa.

Para fomentar a participación social, pacientes, familiares e profesionais de AVEMPO gravaron un vídeo na praia de Samil no que se mollan á vez que argumentan distintos motivos polos que sumarse á campaña.

En paralelo, AVEMPO ten habilitada unha páxina web para informar sobre o ‘Móllate’, o programa de actividades e como sumarse á campaña, na que as persoas interesadas poderán colaborar coa asociación coa adquisición de merchandising, facendo un donativo ou inscribíndose como socias da entidade.

Dende que se iniciou a campaña en 1994 en Cataluña, cada ano se celebra o ‘Mójate por la Esclerosis Múltiple’ ao longo de toda a xeografía española. Este ano, a iniciativa terá lugar en máis de 900 praias e piscinas de todo o país, nas que se prevé que se mollen máis de 100.000 persoas e participen ao redor de 3.000 voluntarios nesta acción solidaria para visibilizar a Esclerose Múltiple.

A sexta edición do ‘Móllate’ conta co patrocinio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Vigo, a Asociación Viguesa de DJ’S, a marca de traxes de baño Dolores Cortés e a marca de xeles Dr. Tree.