ADISBISMUR organiza unha festa de callos multitudinaria para recadar fondos para a entidade

Dende hai uns meses, a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) está a traballar na que vai ser a I Festa dos Callos que organiza a entidade, co fin de recadar fondos para dotar o centro de máis recursos e renovar material que van utilizar as 48 persoas usuarias do seu centro de día e ocupacional que ten en Valadares, Outes.

O sábado 1 de xullo, no espazo da Horta do Muíño do Concello de Outes, a entidade vaise enfrontar a un reto totalmente novidoso ata o de agora: propuxéronse cociñar callos para mil comensais, toda unha fazaña se se ten en conta que non son persoas profesionais dos fogóns.

Para este evento, contarán dende as 12 horas con grupos de música e DJ da zona que, dun xeito totalmente altruísta, encargaranse de amenizar toda a xornada ata vén entrada a madrugada. Entre algúns dos convocados están As Jaitas Blue, A Tajea, Agrupación Xeitura Esteiro, Grupo de Música Tradicional de Outes, Pandereiteiros do Tremuzo, Amigos do Acordeón da Escola Alborada, Rut Amor, The Balayoos, Juan do Tractor, Xianpais + Lil Yei e DJ Borja CT e Meu Cariño.

Dende a asociación queren agradecer publicamente tanto a colaboración desinteresada destes grupos como tamén o apoio loxístico, de espazos e equipamentos por parte do Concello de Outes. Outra colaboración é a dos comercios da zona que están doando produtos para poder ser rifados entre as persoas asistentes.

Para esta xornada tamén teñen preparadas outras actividades participativas dirixidas a nenas e nenos, como unha zona de inchables, organizarase un torneo de fútbol e celebrarase tamén unha carreira de sacos e unha andaina pola mañá.

A ración de callos, acompañada da cazola que están a elaborar as persoas usuarias do obradoiro de modelado en barro do centro de Valadares, custará 10 euros, e irá acompañada de pan, bebida e sobremesa.

As persoas que teñan pensado asistir, xa poden mercar o seu billete chamando ao teléfono da asociación 881 083 860 ou a través das redes sociais