ÁMBAR abre as inscricións para a Carreira pola Diversidade

A asociación ÁMBAR abre as inscricións para a VII Carreira pola Diversidade que sairá dende a explanada de O Coroso de Ribeira o domingo, 11 de xullo, ás 10 h. Un ano máis, o obxectivo desta carreira é poñer en valor a práctica deportiva das persoas con discapacidade e visibilizar o deporte inclusivo.

Nesta edición haberá limitación de prazas, só se permitirán 150 participantes e respectando a normativa COVID vixente para eventos deportivos, garantido a seguridade de todas as persoas participantes.

Existe tamén a posibilidade de facer unha andaina virtual, escollendo a propia ruta que se desenvolverá durante toda a fin de semana ata as 23:59h do domingo.

A inscrición, cunha cota de 6€ que serán destinados á adquisición de material para a prevención do contaxio por COVID-19, xa pode realizarse en https://cronotec.es/ ata esgotar as prazas tendo como data límite ata o 8 de xullo ás 23:59h. Nesta mesma páxina pode colaborarse co “Dorsal 0” unha cota solidaria para aquelas persoas que queiran colaborar coa carreira pero non poidan asistir. Ademais, as persoas que se inscriban antes do 19 de xuño entrarán no sorteo dunha sesión de fisioterapia no Centro de Fisioterapia e Rehabilitación María Martínez Paz e dunha clase para dúas persoas de surf con Geckos Surf & SUP School.