A asociación AODEMER conmemora o Día Mundial da Loita contra a ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica), unha enfermidade dexenerativa de tipo neuromuscular que a día de hoxe, non ten posibilidade de cura, pero si é posible mellorar a calidade de vida e acompañar ás persoas que a teñen esta enfermidade e familiares durante o proceso.
Co motivo do Día Mundial, a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras, entre ás que se encontra a ELA, realizará unha campaña de sensibilización en colaboración co Servizo de Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, no Complexo Hospitalario de Ourense (Edificio de Cristal) o 21 de xuño, onde se instalará unha mesa informativa.
Na mesa estarán presentes profesionais da entidade, voluntariado e persoas con patoloxía. O horario de realización da actividade será de 10:00 a 14:00, prevéndose ademais que nos acompañen de 11:00 a 12:00 representantes sanitarios.
Tamén se promoverá a iniciativa #LuzpolaELA, co obxectivo de chegar a máis persoas para que aquelas que aínda non coñezan esta enfermidade podan facelo. Iluminaranse de cor verde (cor que simboliza a ELA) edificios emblemáticos da cidade de Ourense: A Deputación, a Subdelegación do Goberno e a Ponte Romana. Ademais, este ano iluminarase tamén a fachada do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.