A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO) organiza este xoves 8 de xuño unha xornada informativa para persoas con Esclerose Múltiple (EM) e os seus familiares na que distintos profesionais de Neuroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo darán resposta ás principais dúbidas das persoas afectadas pola enfermidade ao redor da relación médico-paciente, o papel da Enfermería e os síntomas cognitivos da EM. A cita terá lugar a partir das 17:20 horas na Fundación Sales de Vigo (Avenida de Europa, 52).
No encontro participarán a neuróloga Elena Álvarez, o enfermeiro César Sánchez e a neuropsicóloga Marta Torrente, que forman parte do equipo da área de Esclerose Múltiple do Hospital Álvaro Cunqueiro pertencente ao área sanitaria de Vigo.
Tras a inauguración da xornada, a neuróloga Elena Álvarez centrará a súa charla na importancia da comunicación que se establece entre médico e paciente nas consultas de Neuroloxía para a xestión da enfermidade. Acto seguido, o enfermeiro César Sánchez centrarase no papel que xoga a Enfermería na abordaxe da patoloxía, mentres que a neuropsicóloga Marta Torrente abordará os síntomas cognitivos da enfermidade, que afectan a un gran número de pacientes e na maioría dos casos se invisibilizan.
As charlas realizaranse en base ás consultas realizadas previamente a través de AVEMPO por persoas afectadas de Esclerose Múltiple, que despexarán as súas dúbidas da man dos profesionais do hospital vigués. Ao finalizar as intervencións dos relatores, abrirase unha quenda de preguntas para as persoas asistentes que desexen ampliar a información sobre os temas tratados na xornada.
As persoas interesadas en asistir á xornada informativa poden realizar a súa inscrición a través do correo avempovigo@hotmail.com, nos números de teléfono 986 298 865 / 685 113 398 ou na sede de AVEMPO (C/ Camilo Veiga, 44, baixo).
A xornada informativa, que conta co patrocinio da compañía farmacéutica Merck, enmárcase dentro das actividades de AVEMPO no marco da celebración do Día Mundial da Esclerose Múltiple, que tivo lugar o pasado 30 de maio.