V Carreira pola Diversidade

A V Carreira pola Diversidade que organiza a Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional terá lugar o domingo 14 de xullo do 2019, en Ribeira.

O seu obxectivo é visibilizar e poñer en valor a práctica deportiva das persoas con diversidade funcional, e mostrar o papel do deporte como ferramenta de inclusión social real.

A Carreira pola Diversidade, empezou a súa andaina no Barbanza no ano 2015, convertendo á nosa comarca nun referente a nivel galego. A proba supuxo todo un avance por tratarse dunha competición deportiva de carácter inclusivo, pioneira na comarca e segunda en toda Galicia, na que puideron participar deportistas nas modalidades de handbike e cadeira de rodas, excluídas na maioría das probas en Galicia.

Como novidade deste 2019, a categoría absoluta formará parte do calendario oficial de carreiras da Federación Galega de Atletismo, e a proba estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces, o cal pretende ser un aliciente máis á participación.

As modalidades de inscrición son as seguintes:

  • Modalidade 5.000 m Zapatilla absoluta (modalidade federada)

  • Modalidade 5.000 m Zapatilla inclusiva (Poderán inscribirse nesta categoría todas as persoas con diversidade intelectual, sensorial ou motriz que non se inclúan en ningunha das outras modalidades.)

  • Modalidade 5.000 m Handbike.
  • Modalidade 5.000 m Cadeira de atletismo.

  • Probas infantís: adaptadas por idades, sen carácter competitivo.

A inscrición poderá facerse na  web: www.carreirasgalegas.com, sendo a data límite o día 11 de Xullo ás 23:59 horas.

Nesta mesma páxina web, existe a posibilidade de facer a inscrición do “Dorsal 0” e colaborar de maneira solidaria neste evento.

A cota de inscrición é de 6 € e a recadación será destinada a programas de inclusión social da entidade .

A inscrición nas modalidades de cadeira de atletismo e handbike darán dereito a hospedaxe da persoa deportista e 1 acompañante a noite anterior, por orde de inscrición ata fin de existencias.