• Xeral
  • 29 de marzo de 2021

Alberto Boo: primeiro galego que compite en carreiras de motocicletas adaptadas

Unha caída adestrando hai tres semanas causoulle a rotura dun brazo. Trala caída, pregunta: que tempo fixen? Este é Alberto Boo, un apaixonado deportista do motociclismo que, cando ten a oportunidade, sube á súa moto de 300CC e dá voltas polo circuíto ata que o corpo lle pide parar. E parar non é que o faga moito, nin o logran as 50 caídas que leva contabilizadas dende o ano pasado.

“Cando caio, o único que penso é recuperarme para volver montar na moto. Costoume moito chegar ata aquí e non é para abandonar”. O que lle custou a Alberto poder pilotar non é a discapacidade física que ten, nin as adaptacións que fixo na motocicleta para poder manexala, nin as dificultades que ten para poder atopar promotores que avalen o seu esforzo. O custo foi cando tivo que deixar durante un período de tempo a moto aparcada a causa dos ataques epilépticos que ten. Por iso, en tempadas como a que está vivindo agora mesmo, cunha remisión, aproveita para facer o que máis lle gusta: correr en circuítos e competir en carreiras de motociclismo.

Alberto está intentando inculcar esta afección en máis persoas. Non o ten doado. “Quero que a xente vexa que se pode practicar este deporte en espazos habilitados, que son seguros e que, se adaptas a moto, podes correr”. Arestora, é o único piloto galego paralímpico que competiu, xunto a 17 corredores máis, na categoría HANDYESBK  do campionato de España de Velocidade cumprindo “o que era o meu gran soño e do que estou moi orgulloso”.

Para poder seguir gozando practicando a súa paixón, Alberto precisa da colaboración de empresas, organismos, institucións e mesmo particulares que estean dispostos a aportar unha pequena participación, pero moi grande para el. Precisa de patrocinios, de apoios de confianza nun proxecto que, se ben ao mellor non é o gañador en acadar a meta, si resulta ser o primeiro en rachar barreiras mentais, en abrir camiño a outras persoas que non se atreven, en ofrecer confianza, en crear escola e, ademais, en calar os comentarios tan limitadores como `ti non podes´.

Se ti tamén compartes o gusto pola velocidade, pola motocicleta, pola competición e polo pracer de experimentar a liberdade, podes contactar con Alberto Boo a través do email alberto.fernandez.boo@outlook.es ou das redes Facebook co perfil Alberto Fernández Boo e Instagram: @albertofboo119. Segundo el mesmo expresa “a sensación de liberdade que che dá a moto, non o fan outros deportes. Ti montas e só hai por diante un circuíto e gañas de divertirte. É un mundo”.