• Xeral
  • 14 de septiembre de 2022

Andrés Lázaro, avogado: “A oportunidade de emprender era a máis realista para empezar a traballar”

Andrés Lázaro é un veciño máis de Ourense que, como moitos outros máis, estudou dereito, carreira formativa que completou cun master. Ata aquí pode considerarse unha historia común a moitas outras. Sen embargo, Andrés pode que non tivera doado acadar unha oportunidade laboral, e non pola súa capacidade profesional, senón pola súa condición persoal.

“Cando botas currículos e vas en cadeira de rodas, e por riba eu teño limitacións nos brazos, claramente veste, mirando as caras, que non se van arriscar contigo”, explica Andrés a súa experiencia na procura de emprego, quen engade que “é difícil que che contraten, que aposten por ti e máis no meu sector”. 

Farto de esperar por esa oportunidade que non chega, decidiuse embarcar nun proxecto propio. Atopouse casualmente cunha amiga e compañeira de profesión que estaba en trámites para abrir o seu propio despacho. Comentoulle se quería acompañala neste proxecto. Aceptou e agora, dende hai cinco meses, están ao fronte de GL Abogados, gabinete situado na rúa Progreso, 127, oficina 1 de Ourense, especialistas en prestacións da Seguridade Social, incapacidades e tramitacións de certificados de discapacidade.

Andrés explica que “esta oportunidade de emprender era a máis realista para empezar a traballar e, cando xurdiu esta oportunidade, dixen que si”. A súa compañeira veu nel as súas capacidades e non as limitacións, algo que Andrés opina que “esta non é unha realidade se vas buscar traballo”.

A traxectoria de apertura aínda é curta, pero amósase contento porque xa van conseguindo clientes que contratan os seus servizos. Aínda así, Andrés non baixa a garda. “Creo que o estigma que hai sempre vai estar aí, incluso velo nos clientes, que se sorprenden de verme”, explica Andrés, quen describe tamén que “un dos medos que eu tiña era que o cliente ao verme nunha cadeira de rodas desconfiase das miñas habilidades. De momento non me pasou”.

Dende COGAMI, desexámoslle moita sorte nesta etapa.