A finais do mes de agosto ou principios de setembro de 2002 contactei con COGAMI, despois de que a Traballadora Social do meu concello, Dodro, me informara desta entidade e dos seus servizos.
Este contacto foi despois de rematar os meus estudos de formación profesional e coa idea clara de que quería continuar a miña formación na Universidade. Pero claro, para unha persoa con discapacidade non é só matricularse e buscar piso. Eu precisaba información máis detallada sobre residencias accesibles universitarias, como era a accesibilidade no campus e se me podían ofrecer apoios que podería necesitar.
Todos os que para min supoñían problemas, para COGAMI foron propostas de solucións. Dende o primeiro momento, contactaron coa facultade na que me matriculei de Relacións Laborais, solicitaron praza de inscrición para un colexio maior universitario e tamén me facilitaron o contacto dunha persoa de apoio para o que precisase.
A partir de aí non é que mellorara a miña situación, senón que, de non ter nada e crer que non habería solución, pasei a ter todos os problemas que eu cría que tiña, resoltos.
Dende aqueles dias de finais do verán de 2002, a miña vida cambiou en moitos aspectos e todos para mellor. Estudiei e rematei unha carreira universitaria, pero iso non foi o único positivo. O máis importante para min foi que saquei de enriba miña moitos medos que tiña, como o de vivir só, o de estar nun lugar onde non coñecía a ninguén,... todo isto xa é pasado.
E teño que engadir que a etapa de estudante na Universidade de Santiago de Compostela foi unha das máis bonitas da miña vida, ata hai uns anos, diría que a mellor. Actualmente estou casado e cunha preciosa filla, por tanto, esta si que é a miña mellor etapa.
Gracias a todas e todos que formades COGAMI, e un especial recordo ao seu anterior presidente, Domingos Dosil.