• Xeral
  • 12 de abril de 2021

De non saber enviar un correo electrónico a manexarse polos portais de busca de emprego

Dun ano para aquí, escoitamos moito a expresión fenda dixital, competencias dixitais e uso das TIC. Coa pandemia afianzouse máis, se cabe, o uso das aplicacións informáticas para realizar actividades cotiás como solicitar unha cita médica, facer unha xestión bancaria ou tan fundamentais como buscar emprego. Todo é a través do teléfono móbil, ordenador ou tablet pero, está toda a sociedade capacitada no uso destas tecnoloxías? Realmente son accesibles a todas as persoas?

Dende hai tempo, COGAMI sabe que estas aplicacións dixitais non son universalmente coñecidas. Son moitas as persoas que non manexan estas ferramentas de comunicación. Por iso, dende o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral organizan obradoiros de competencias dixitais e de manexo das TIC.

Fátima Otero é unha das usuarias apuntadas na bolsa de emprego de COGAMI que non estaba familiarizada co mundo dixital. Si é certo que, como moitas das persoas da súa xeración, está ao día das redes sociais, de feito chegou a COGAMI a través do Facebook. Sen embargo, para o manexo doutras aplicacións que hoxe en día son fundamentais, sobre todo se estás nun proceso de busca de emprego, como ela mesma nos di “non sabía enviar un correo electrónico”, fundamental para enviar  curriculums a empresas, por exemplo.

A súa orientadora laboral, Pilar Míguez, explicoulle a Fátima o manexo do correo electrónico. Durante as entrevistas de orientación mantidas entre ámbalas dúas, deixaban tempo para practicar o envío de emails tanto a través do móbil como do ordenador. Agora Fátima  envía por si mesma correos con documentos adxuntos, garda documentos e arquívaos en carpetas, converte documentos en formatos diferentes, utiliza aplicacións da nube, renova a demanda de emprego, descárgaa e envíaa a través do correo electrónico, dáse de alta e inscríbese nas ofertas que se adaptan ao seu perfil profesional en portais de emprego..., en fin, agora xa se vale por si mesma dixitalmente.